LÓPEZ CAMPOS ABORDA CO ALCALDE DE ORDES AS COLABORACIÓNS NECESARIAS DE CARA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL DO VERÁN E AVANZAR NA DO XACOBEO 2027
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe co alcalde de Ordes, José Luis Martínez, para tratar asuntos vencellados coas áreas do seu departamento. En concreto, avanzaron na colaboración entre ambas as dúas administracións para a actividades culturais do verán e ter no mellor estado as infraestruturas necesarias. De igual xeito, o encontro serviu para ir avanzando na futura programación do Xacobeo 2027, pola incidencia que terá esta celebración en todos os municipios pero, especialmente, nos que transcorre algunha das rutas, como sucede, neste caso, co Camiño Inglés.
Ademais, o representante de Cultura do Goberno tirou proveito desta xuntanza para analizar polo miúdo co rexedor do municipio coruñés sobre as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que, na actualidade, a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.