spacer
O Pleno de Ordes aproba provisionalmente a modificación puntual nº1 do PXOM

Atende á edificabilidade das parcelas de equipamento en solo urbano

Cos 9 votos favor do equipo de goberno e as 8 abstencións da oposición (6 BNG e 2 PSdeG-PSOE de Ordes) o Pleno municipal do mes de marzo deu por aprobada provisionalmente a modificación provisional nº 1 (non substancial) do PXOM. A dita modificación ten por obxecto emendar carencias na regulación normativa dos equipamentos situados en solo urbano, especificamente, no tocante ao art. 5.7.10. Condicións doutros equipamentos. Algo que posibilitará, tal e como explicou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, “continuar coa modificación para a edificabilidade das parcelas de equipamento contempladas no PXOM incluídas en solo urbano, para que non haxa incongruencia entre o contorno onde están enclavadas e a propia normativa do plan tal e como estaba redactada”. 

        Pablo Vidal, voceiro do BNG, alegou que o seu grupo non se opón a esta modificación “xa que atende a un interese xeral e non particular”. Por parte dos socialistas, Noelia Ribadas xustificou a súa abstención no feito de que a medida evitará problemas urbanísticos e medioambientais, á par que se atende á correcta ordenación dos equipamentos. 

         Esta modificación provisional lévase a cabo despois de que non se presentara ningunha alegación no tempo de exposición e logo da solicitude previa dos informes sectoriais autonómicos preceptivos a: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil e Axencia Galega de Infraestruturas. O informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo avala a correcta execución dos ditos trámites.

         A sesión arrancou dando conta da aprobación da liquidación dos orzamentos municipais do exercicio 2025. Entre as magnitudes máis salientables sinalouse: Resultado orzamentario de 2.222.297,55 €; Remanente de Tesourería: 6.980.145,54 €; Aforro neto: 3.200.144,32 €; Gasto computable: 9.767.647,30 €; Volume de débeda: 0 €; Período medio de pagamento: 9,17 días. Con todo, o Concello de Ordes presenta unha situación de estabilidade orzamentaria cun superávit que se sitúa en 2.405.183,12 €. O rexedor informou tamén que se continúa traballando na elaboración dun Plan Económico Financeiro para dar cumprimento coa regra de gasto, xa que debido á incorporación de diversos créditos non puido ser salvada ao situarse o resultado en -1.520.774,07 €.