O director de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participa na charla sobre a dermatose nodular contaxiosa celebrada hoxe en Ordes
Tanto a preocupación como o interese que supón a dermatose nodular contaxiosa para o sector gandeiro quedaron claros esta mañá en Ordes dado o poder de convocatoria rexistrado na charla informativa ofrecida. A organización correu da man da Consellería do Medio Rural e do Concello de Ordes conxuntamente. Precisamente o seu alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, foi un dos que non se quixo perder esta cita, tendo ocasión así de intercambiar impresións e opinións con gandeiros/as, profesionais e persoal da Xunta de Galicia. José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, foi unha das persoas encargadas de explicar as medidas preventivas que estarán vixentes, como mínimo, ata o próximo 31 de marzo. Outros puntos que tamén se abordaron foron as características da doenza, as medidas establecidas na normativa comunitaria e o proceso de vacinación. Ao remate do faladoiro houbo ocasión para formular todas as preguntas que se quixeran para aclarar as dúbidas.