O Mesón do Vento servirá máis dunha tonelada de lacón con grelos esta fin de semana
Este ano a localidade ordense celebra a XXVII edición da súa festa máis popular. Por primeira vez na provincia vaise celebrar unha feira de maquinaria agrícola de segunda man. Degustacións, folclore, humor, verbena, poxas, probas cabalares e espectáculos equinos, exhibicións de gando e moito máis completan o programa.
Coa verdura lavada e a carne a remollo O Mesón do Vento prepárase para celebrar esta fin de semana a que será a XXVII edición da súa tradicional Festa do Lacón con Grelos.
Como principal novidade, este ano o programa contempla a celebración da I Feira de Maquinaria Agrícola de Segunda Man. Trátase da primeira cita deste tipo de toda a provincia, contando coa participación tanto de particulares como de empresas (Agrícola O Mesón do Vento, Agrivama, Talleres J. Lema, Agrícola Noroeste, Agromecánica San Clemente e Agrícola Castelao). Tal e como explica o seu promotor, Roberto Suárez, a espectación xerada vai máis alá do territorio galego. “Desde que se deu a coñecer esta feira recibimos chamadas de Portugal, Toledo ou Cantabria, ademais das restantes provincias de Galicia. Todos van poder ver tractores, rozadoiras, cisternas, arados, segadoras....” tal e como explica o seu organizador Roberto Suárez.
Ao longo de toda a fin de semana a nave de gando acollerá unha exposición na que se poderán ver exemplares de vaca cachena, rubia galega, cabalos miniatura apploosa e de pura raza galega, burros fariñeiros e porco celta.
O sábado ao mediodía celebrarase o X Encontro Folclórico, coa participación das asociacións culturais Leira Gaiteiros, Pandeireteiras de Ardevento, Camiño Real de Poulo e Sementes da Arte. A maiores a charanga BB+ animará a xornada cos seus ritmos e pasacalles. Xa pola tarde, concretamente a partir das 16.30 horas, terá lugar o espectáculo de baile equino Duende Ecuestre. Leti da Taberna arrancará as gargalladas de todas e todos os presentes co seu monólogo Jastac Japi Jolidais.
O domingo bares, restaurantes e establecementos da zona repartirán degustacións do tan afamado lacón con grelos. Este ano calcúlase que se servirán máis de 600 quilos de carne e máis de 500 da verdura. Como é costume, as probas e exhibicións de andadura mais os concursos darán comezo dende as 10 e perdurarán ao longo de toda a mañá. Ás 11.30 horas está prevista a VII Poxa de Gando de Raza Frisoa organizada por Africor Coruña. Nela participarán 16 animais procedentes de 8 ganderías de Trazo, Mesía, Carballo, Val do Dubra, A Laracha, Zas, Mazaricos e Toques. A música correrá a cargo do Dúo Matices na sesión vermú (14 h) e dos Satélites xa pola tarde (18 h). Tras o xantar o programa arrancará coa xincana libre de obstáculos (16 h), seguida da carreira de burros (17 h).
Entre as autoridades que teñen confirmada a súa participación nesta celebración figuran o director xeral de Gandería, Agricultura e Industria Agroalimentarias, José Balseiros Guinarte; o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez Monteserín; ademais da directora territorial do Medio Rural da Coruña, Nieves Mancebo Santamaría.