Ordes homenaxeará ao Gaiteiro de Vilaverde
O Pleno acorda a colocación dun busto a Manuel Viqueira, un dos mellores gaiteiros de Galicia, polo seu labor artístico e a súa contribución á conservación, fomento e difusión da música tradicional
Manuel Viqueira, O Gaiteiro de Vilaverde, terá a súa homenaxe. Coa colocación dun busto honrarase ao que está considerado como un dos mellores gaiteiros de toda Galicia. Deste xeito quérese poñer en valor a súa contribución á conservación, fomento e difusión da música tradicional. A inauguración da peza, elaborada en granito, terá lugar o 31 de maio nas inmediacións do Museo do Traxe Juanjo Liñares. Así se acordou por unanimidade no pleno municipal que tivo lugar na tarde deste xoves.
Desde o PSdG-PSOE de Ordes mostraron o seu total apoio a propostas deste tipo, “estando sempre a favor do recoñecemento de persoas que contribuíron á vida cultural do municipio. Máximo cando ven avalado pola recollida de sinaturas entre a veciñanza” manifestou a súa voceira Noelia Ribadas. Manuel A. Villaverde, concelleiro do BNG, invitou ao goberno local a seguir con este tipo de homenaxes de cara a artistas destacados no eido musical da comarca. Como exemplo citaron, entre outros, a Flor da Maquía ou a Domingo Calviño.
A vida de Manuel Viqueira Vieites (Vilaverde, Ordes. 1929-2015) estivo estreitamente vinculada á gaita galega. Coñecido artisticamente como O Gaiteiro de Vilaverde está considerado un referente na música tradicional galega. Foi dos poucos gaiteiros capaz de conservar a técnica da dixitación antiga. Un xeito de tocar pechado, complexo, ornamentado e moi particular. Xunto con tres dos seus fillos fundou na década dos 90 a agrupación musical co seu propio nome, sendo das máis solicitadas en festas, celebracións e romarías. Cómpre sinalar especialmente o labor de recompilación de pezas tradicionais da zona de Ordes desenvolvido durante anos, grazas ao cal aínda se conservan e se poden seguir tocando. Moitas delas, algunhas incluso cantadas, aparecen nos traballos discográficos que ten publicados.