Ordes acolle a primeira sesión dos Encontros sobre Turismo e Economía Circular
O Museo do Traxe Juanjo Liñares foi o lugar escollido para levar a cabo a primeira sesión dos Encontros sobre Turismo e Economía Circular. Na tarde deste luns falouse das posibilidades económicas que supón a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle para a toda a zona. Unha vez finalizado o relatorio A economía circular: Oportunidade para o turismo e a gastronomía local chegou a rolda de preguntas e comentarios. Compartíronse experiencias e exemplos prácticos e reais do sector agro-turístico como Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del bosque e Galiwonders.
A próxima data sinalada no calendario está posta para a tarde do 2 de marzo no viveiro empresarial de Cerceda (Rúa Innovación s/n) e centrarase na economía circular aplicada á gastronomía, ao consumo de proximidade e á valoración do produto local. Inclúe charlas, análises de proxectos agroalimentarios (Horta da Lousa), ademais dun showcooking da man da Gastrolab Arousa, empresa especializada na organización de eventos sostibles e na posta en valor de produtos galegos.