Aberta a licitación para a subministración eléctrica do sistema de iluminación público e das instalacións municipais
O valor estimado do contrato é superior a 1,1 M€. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata principios de abril.
O Concello de Ordes vén de sacar a licitación o servizo de subministración eléctrica do sistema público de iluminación e das instalacións municipais cun valor estimado do contrato de 1.106.583,42 € (presuposto base sen impostos 335.328,31 €). O prazo de execución será dun ano desde o día seguinte á sinatura do acordo ou da conclusión do proceso de cambio de comercializadora. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 6 de abril e deberá facerse telematicamente.
Perséguese así garantir coa máxima eficacia, eficiencia e rendabilidade económica a garantía e a calidade da subministración. Como responsable do servizo figurará a empresa adxudicataria., tanto para o alumeado público como para as diversas instalacións e edificios municipais (neste caso competencia tamén do Concello). Cabe lembrar a obriga, segundo a regulación vixente, de contratar no mercado libre calquera subministración enerxética superior a 10 kW.
Co prezo como único criterio, a adxudicación do contrato realizarase mediante procedimento aberto. Sempre en conformidade co previsto na lei de Contratos do Sector Público (artigo 156 e siguientes da Ley 9/2017 do 8 de novembro).