A XUNTA CONSTRUIRÁ A ROLDA SUR-OESTE DE ORDES CUN INVESTIMENTO DE 12M € PARA MELLORAR A MOBILIDADE NO CONCELLO E REFORZAR A SEGURIDADE E A CONEXIÓN COA CONTORNA
-
A nova circunvalación de Ordes, cunha lonxitude aproximada de 2 quilómetros, partirá da estrada N-550 e rematará na vía autonómica AC-413
-
Trátase de impulsar unha variante que afaste o tráfico pesado do núcleo urbano, mellorando os accesos ao IES Maruxa Maio, o tanatorio ou o punto limpo
-
O proxecto inclúe a creación dunha senda peonil e ciclista que fomentará unha mobilidade máis sostible e segura na zona
-
O prazo para a presentación de alegacións permanecerá aberto ata o 23 de marzo
-
M. Allegue expresa a confianza en que o Ministerio de Transportes facilite o desenvolvemento desta variante, tendo en conta que parte do tráfico desviado deixará de circular pola N-550, que se atopa nunhas condicións moi deficientes
-
Subliña que se trata dun proxecto respectuoso co territorio, pensado para o presente e o futuro non só de Ordes senón dos concellos da comarca: Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda, mellorará a seguridade viaria e as conexións neste área
A Xunta construirá a Rolda Sur-Oeste de Ordes, cun investimento de 12M€, para mellorar a mobilidade no concello e reforzar a seguridade e a conexión coa contorna. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, deu conta en Ordes do avance na tramitación desta infraestrutura.
Segundo explicou a conselleira nete acto, ao que tamén asistiron alcaldes da comarca, trátase dunha actuación moi demandada, que foi ademais o asunto principal do primeiro dos encontros mantidos co rexedor de Ordes. O proxecto, no que o departamento que dirixe leva tempo traballando, co estudo de alternativas de trazado e a avaliación ambiental, dá agora un paso decisivo para facerse realidade.
O Consello da Xunta aprobou o 26 de xaneiro a aprobación provisional do proxecto de trazado, que se atopa sometido a información pública desde o 9 de febreiro. O prazo para a presentación de alegacións permanecerá aberto ata o vindeiro 23 de marzo.
Respecto ao trazado da nova circunvalación de Ordes, cunha lonxitude aproximada de 2 quilómetros, parte da estrada N-550, -onde o Ministerio de Transportes prevé a execución dunha glorieta-, e rematará na vía autonómica AC-413, contribuíndo a desviar unha parte importante do tráfico que actualmente atravesa o centro da vila.
A conselleira incidiu en que esta nova infraestrutura permitirá dar solución á situación actual, marcada pola presenza de tráfico pesado atravesando o núcleo urbano e pola mestura de circulación local e de longo percorrido, o que xera ruído, molestias e contaminación.
Entre os principais beneficios da actuación, M. Allegue salientou a retirada do tráfico de paso do núcleo urbano, a mellora e ordenación dos accesos a puntos clave como o IES Maruxa Maio, o tanatorio ou o punto limpo, así como unha mellor convivencia urbana, reducindo o ruído e os conflitos entre peóns e vehículos.
O proxecto inclúe tamén a creación dunha senda peonil e ciclista que fomentará unha mobilidade máis sostible e segura. Ademais na intervención se prestará especial atención á iluminación para garantir unha visibilidade axeitada e confortable.
M. Allegue expresou aquí a confianza en que o Ministerio facilite o desenvolvemento desta variante, tendo en conta que parte do tráfico desviado deixará de circular pola estrada estatal N-550 ao seu paso polo núcleo de Ordes, e que se atopa nunhas condicións moi deficientes.
Subliñou que se trata dun proxecto respectuoso co territorio, pensado para o presente e o futuro non só de Ordes senón tamén dos concellos da comarca: Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda, mellorará a seguridade viaria e fará o concello un lugar mellor conectado, e toda a área de influencia.
A conselleira puxo tamén en valor esta intervención, que responde ao compromiso do Goberno galego de seguir vertebrando Galicia a través das infraestruturas, investindo, conservando e mellorando cada ano a rede viaria autonómica, así como incorporando novos quilómetros de estradas con planificación e coa dotación dos recursos necesarios.
