A dama dos 1823 corchos, Érase unha vez, Cascanueces de Campomaior e Viaxando polo mundo, os mellores disfraces do Sábado de Piñata en Ordes
Na quenda de carrozas resultou gañadora El rugido de los carnavales. Este ano repartíronse máis de 4.400 euros en premios.
As boas condicións meteorolóxicas que se deron esta fin de semana en toda Galicia axudaron a que o Sábado de Piñata en Ordes fora todo un éxito. As rúas e o Campo da Feira enchéronse de público, que desfrutou ao grande coas creacións e máscaras participantes, mentres a charanga BB+ animaba a tarde. En total contabilizáronse máis de 400 persoas as que optaban aos distintos premios que, en conxunto, superaban os 4.000 euros.
A dama dos 1823 corchos alzouse co primeiro premio na categoría individual infantil (100 €), seguida de Brigada Luz (80 €) e Sombreiro Tolo (60 €). No caso das persoas adultas o mellor disfrace foi para Érase unha vez (170 €), por diante de El rey del carnaval oscuro (120 €) e Cigardelos (90 €).
Atendendo ás comparsas, a clasificación infantil quedou encabezada por Cascanueces de Campomaior (225 €), O bosque encantado de Pequelúa (175 €) e A danza das bolboretas de cartón (135 €). Na quenda das persoas adultas o maior número de votos foi para Viaxando polo mundo (600 €), seguida de Saíron finos e volveron pobres (300 €) e de Elfas da flor eterna (200 €).
O premio máis cuantioso este ano foi para a carroza El rugido de los 30 carnavales (700 €). En segundo lugar quedou Aventura no arrecife (400 €). Especial Luare obtivo o premo á simpatía (190 €), mentres que Disco Real 70´s foi a mellor comparsa municipal.
Os premios accésit outorgados polo Concello foron para Ouno (110 €), Romaría Clandestina (100 €), Lórax en Ordes (80 €), Minions en Ordes (80 €), Libros Sorpresa (50 €) e Antón o pintor (30 €).
Os membros do xurado emitiron o seu voto en función da orixinalidade e vistosidade dos disfraces. Tamén se valoraron aspectos como o esforzo realizado á hora de confeccionar os traxes, a posta en escena, a montaxe, os materiais empregados ou o humor.
Un ano máis os premios contaron co patrocinio de Reale Seguros e Jaime Castro. Asesoría-Seguros. Tamén cómpre sinalar a colaboración da Deputación da Coruña.