Serán en Ordes e Cerceda os días 23 de febreiro e 2 de marzo respectivamente. Analizarase a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle como oportunidade de negocio

A comarca de Ordes acollerá nas vindeiras semanas dúas sesións dos Encontros sobre Turismo e Economía Circular. Concretamente serán as xornadas do 23 de febreiro en Ordes no Museo do Traxe (Praza do Campo da Feira, 5) e o 2 de marzo no viveiro empresarial de Cerceda (Rúa Innovación s/n).

No caso de Ordes a actividade centrarase nas posibilidades económicas que supón a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle para a zona. O programa arrancará ás 17 horas e nel inclúese o relatorio A economía circular: Oportunidade para o turismo e a gastronomía local. Tras unha rolda de preguntas e comentarios, ás 18 horas dará comezo unha rolda de relatos na que participarán protagonistas directos de exemplos de referencia no emprendemento agro-turístico e na economía circular. Trátase de Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del bosque e Galiwonders. Entre outros aspectos falarase de estratexias de comunicación, modelos de negocio, o valor do produto local, como atraer público ou a consolidación de actividades no eido rural. Despois de compartir experiencias pecharase a xornada cunha rolda de petiscos entre todas as persoas asistentes.

O encontro no viveiro empresarial de Cerceda estará orientado á economía circular aplicada á gastronomía, ao consumo de proximidade e á valoración do produto local. Tras a benvida posta para as 17 horas terá lugar o relatorio A economía circular na Vía Verde: Gastronomía con impacto local. Posteriormente analizarase tamén o proxecto agroalimentario Horta da Lousa. Ás 18.15 horas arrancará un showcooking da man da Gastrolab Arousa, empresa especializada na organización de eventos sostibles e na posta en valor de produtos galegos. A cita concluirá a iso das 19.30 horas coa degustación de tapas.

A comarca de Ordes acollerá os Encontros sobre Turismo e Economía Circular