O Entroido e a diversión apoderáronse este luns da vila de Ordes. Á primeira hora da tarde daba comezo a festa infantil organizada polo Concello no pavillón Campomaior. Toda a rapazada tivo ocasión de saltar nos inchables e deslizarse polas súas ramplas. Non faltaron tampouco os xogos xigantes, obradoiros de maquillaxe e chapas, flocos e algodóns de azucre.

Xa pola noite a festa concentrouse no Campo da Feira. Alí a Asociación de Festexos da Vila de Ordes instalou unha gran carpa onde centenares de mozos e mozas, algúns/has chegados/as de fóra do municipio, pasaron boa parte da noite bailando ao son da Discoteca CDC e do grupo Unión e Fuerza. Pero o prato forte polo que todos/as agardaban chegou de madrugada coa popular e televisiva Leticia Sabater. A súa simpatía levouna a facerse fotos e selfies con todas as persoas que llo solicitaron. 
 

Luns de Entroido en Ordes ao ritmo de Leticia Sabater