• O alcalde comprométese a traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia para lograr a execución das obras de ampliación da EDAR municipal conforme ao Pxom no período 2029-2030, unha actuación paralela a ampliación de solo no parque empresarial de Merelle. 

  • O convenio con Augas de Galicia para a mellora da ETAP en Buscás formalizarase nos anos 2026-2027. 

  • O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo VIII levarase a cabo conxuntamente cos concellos de Frades e Mesía.

Nesta ocasión o pleno correspondente ao mes de xaneiro celebrouse cunha semana de retraso por acordo dos voceiros ante a dificultade de redactar toda a documentación do POS na data ordinaria do derradeiro xoves de cada mes. Na sesión aprobouse cos 9 votos do Goberno local a participación no POS+ 2026. Tanto o BNG (6) como o PSdeG-PSOE de Ordes (2) abstivéronse. 

O primeiro dos proxectos aos que fixo alusión o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo suporá un investimento de 261.641,60 €, dos cales 5.183.05 € serán de fondos propios. Inclúe a humanización e accesibilidade das rúas Entreparques, da Fonte e Ramón Ferreiro. Tamén o arranxo do firme da rúa principal da zona de Reboredo ata a súa confluencia coa N-550, incluíndo a recollida de pluviais. Algo que tamén se levará a cabo no inicio doutra pista situada no interior deste núcleo. 

O segundo proxecto valorado en 619.933,05 €, dos cales o Concello achegará 29.809,74 €. As múltiples actuacións pasan por melloras no firme cunha nova capa de rodadura, tamén na accesibilidade e na sinalización das rúas Campeiras e a súa travesía, Reverencia, Campomaior, Muíño, Feira, Compostela, Canteira, Mercado, Ramón Ferreiro, Juanjo Liñares, Viriato Lamas, Piñeiro, Freixo, Arcai, Pascual Veiga, Mestre Nicolás do Río Castelo, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Alexandre Bóveda. Tamén nas travesías do Regueiro, Quintáns, Ceidón e Campeiras, e no Casal. Ademais, completarase a praza situada nas inmediacións da Mostra do Traxe Juanjo Liñares. 

Para o plan complementario e adicional deixáronse aprobados outros tres proxectos. Trátase da pavimentación da rúa Roberto Forján e outros (341.810,44 €), a primeira fase da mellora Fraga da Galiña (286.921,70 €), e do acceso ao núcleo de Ludiño, interiores e outros (371.156,62 €). 

Do total de fondos a disposición do Concello de Ordes por un total de 1.146.141,86 euros, a cantidade de trescentos mil resérvanse poder sufragar gasto corrente. 

Consideracións da oposición.

Os socialistas tacharon de estratexia electoral o feito de “levar a cabo neste momento da lexislatura máis de 50 obras en pistas, camiños, accesos e vías simultaneamente”. Algo que dende o seu parecer tamén responde a unha “falta de planificación”. Por parte dos nacionalistas consideran que as humanizacións propostas limítanse “unicamente a substituír materiais por outros novos, sen introducir ningunha modificación de calado”. Lamentan tamén que “non se valorase peonalizar as rúas da Fonte e Entreparques ou a arranxo de pistas en Buscás e Vilamaior”. Tampouco están de acordo con que “se destine a gasto corrente 300.000 euros procedentes dos fondos do POS, con que non se estenda o abastecemento e saneamento polo rural, así como a ampliación da depuradora”.

Neste punto o rexedor deixou claro que todos os anos se priorizan as obras que se consideran máis necesarias, e que o plan provincial unicamente vai atender ao 10% das actuacións actualmente valoradas e pendentes de execución que demanda a veciñanza. Avanzou que se está cos trámites para que a ampliación da EDAR de Ordes este feita nas condicións mínimas necesarias no período 2029-2030 que posibilite ampliar o parque empresarial de Merelle conforme ao Pxom. Tamén incidiu en que as melloras na ETAP de Buscás, orzamentadas en 1,5M€ e xa supervisadas en Augas de Galicia, serán unha realidade ao longo dos anos 2026-2027 cun financiamento do 80% por parte da Xunta de Galicia.

Outro punto do pleno foi o de ratificación do acordo polo que se levará a cabo a oitava edición do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo conxuntamente cos concellos de Mesía e Frades. Impartiranse as especialidades de xardinería e albañilería, para o que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración concedeu unha achega de 501.576 €. As áreas de traballo previstas para o municipio de Ordes son as áreas de lecer da Adina Vella (Ardemil), do parque empresarial de Merelle, Os Carabelos (Pereira) e o parque Pilar Martínez e zona verde do barrio do Paraíso. Tamén o parque fluvial Ramiro Recouso Liste, o rego da Greca (Parada), o contorno da estación de Parada, a zona verde do parque empresarial, e os locais sociais de Adrán (Vilamaior) e Pereira. 

Perfís técnicos con demanda

A voceira socialista, Noelia Ribadas, fundamentou a abstención do seu grupo á hora da votación “na deriva evidente que presentan os obradoiros de emprego en Ordes para servir de brigadas de mantemento de espazos municipais sen achegar valor engadido en termos de formación e inserción laboral”. Sinalou que os obradoiros debería formar perfís técnicos con demanda laboral no municipio, poñendo como exemplo a carpinteiros, soldadores de metal ou persoal de explotacións gandeiras. Tamén o BNG optou pola abstención, insistindo en que “non se oferta nada novo con respecto aos obradoiros anteriores, semellando que o interese do goberno municipal radica en dispor dunha brigada subvencionada para rozas e mantemento”.

Acadouse a unanimidade na aprobación do inicio do trámite de expediente para designar a un cronista oficial para o Concello, así como para delegarlle á administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias nas convocatorias e no desenvolvemento do proceso selectivo da policía local.

Mocións

As únicas dúas mocións presentadas no pleno deste xoves viñeron da man do BNG, sen que ningunha delas contara con respaldo suficiente para ser aprobadas. 

Tras os últimos cortes na subministración eléctrica padecidos pola poboación ordense, algo que se leva perpetuando dende hai anos, no seu texto os nacionalistas instaban a Unión Fenosa Distribuidora á elaboración dun plan de mellora da calidade da subministración. Tamén se solicitaba que a Consellería de Economía e Industria lle esixira o correcto mantemento das redes en cumprimento coa normativa electrotécnica. 

Os votos en contra do Goberno local tombaron a proposta. O motivo da súa postura non se debeu a discrepancias coas demandas e reclamacións expostas, senón en base ao requirimento que o pasado 29 de xaneiro -Concello, AECOR e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Ordes- lle remitiron conxuntamente tanto á compañía e coas mesmas demandas. A maiores tamén se lle remitiu un escrito á Consellería dándolle conta da anómala situación para que adopte un maior control e inste á distribuidora a tomar as medidas necesarias para finalizar co problema. 

A segunda das mocións instaba á creación e instalación de vaos diúrnos e nocturnos, así como a modificación de tarifas. Ninguén dos restantes membros da corporación apoiou a súa idea, votando en contra PP e Psoe. A falta de recursos humanos para poder dar cumprimento á nova medida, así como os conflitos normativos e a inseguridade xurídica que podería supoñer para a cidadanía foron os argumentos esgrimidos e avalados por informes da Policía Local e de Intervención. 

Chegados os rogos e preguntas os nacionalistas interesáronse, entre outras cuestións, polas dificultades para obter cita de atención primaria no centro de saúde, ou pola dotación dun segundo auxiliar educativo no CEIP Campomaior. Reclamaron melloras na ancoraxe dos colectores de lixo na rúa da Feira e na seguridade das escaleiras do pavillón Castelao. Tamén pediron incrementar o número de prazas de mobilidade reducida nas inmediacións da piscina municipal, actuación está que xa estaba valorada a espera de que a meteoroloxía permita acometela. 

O PSdeG-PSOE de Ordes preguntou por como afecta á seguridade viaria a construción dun muro na senda peonil que une O Valado coa Estación (Parada). Tamén sobre as políticas que se están implementando para reducir a taxa de paro, sobre as medidas para recuperar o protagonismo comercial da comarca, así como pola taxa local de afiliados/as á Seguridade Social. Mostraron a súa preocupación polos problemas de condensación no pavillón Campomaior un día de decembro, e solicitaron unha maior regulación do tráfico nas entradas e saídas do colexio Castelao, ademais de melloras nun tramo da rúa Campeiras. A maiores pediuse que se reclame con carácter urxente ante a Consellería de Sanidade a reparación definitiva das goteiras existentes no centro de saúde de Ordes.

O grupo de goberno de Ordes aproba o POS+2026