Ata o 16 de febreiro estará aberto o prazo para apuntarse nas categorías de disfrace individual, comparsas ou carrozas

O Concello de Ordes repartirá este ano un total de 4.405 euros en premios no seu tradicional concurso de disfraces que terá lugar o vindeiro 21 de febreiro, Sábado de Piñata. As principais vías da vila servirán novamente de pasarela para comparsas, carrozas e disfraces individuais. Todas e todos os que queiran apuntarse terán de prazo ata o 16 de febreiro para poder facelo no Rexistro municipal.

     Na categoría de carrozas a superficie das estruturas non deberá superar os 7 metros de longo, os 3,50 m de ancho e os 4 m de alto. Non haberá límite de integrantes  nin de idade. Haberá dous premios de 700 e 400 euros. Os grupos de comparsas deberán contar con máis de 5 integrantes. Na categoría adulta (máis de 16 anos) os premios serán de 600, 300 e 200 euros, mentres que na infantil (ata 16 anos) serán de 225, 175 e 135 euros. No caso da modalidade individual o número máximo permitido de compoñentes é de 5. As persoas adultas optarán a un cheque por un valor de 170, 120 ou 90 euros, mentres que para a categoría infantil ascenderán a 100, 80 e 60 euros.

    A maiores tamén se outorgarán premios á mellor comparsa municipal e á simpatía por valor de 200 e 150 euros respectivamente. O xurado tamén repartirá outros 700 euros en premios locais.

     O tempo máximo de cada actuación será  de 1.30 minutos nas categorías individuais e de 3 minutos nas de comparsa e carroza. As persoas que necesiten acompañamento musical deberán indicalo na mesma inscrición e facelo chegar nese mesmo prazo, en formato MP3, mediante o correo entroido@ordes.gal. As persoas interesadas teñen á súa disposición nas redes sociais do Concello tanto as bases, como as follas de inscrición  e de autorización para representantes legais. Tamén poden contactar co departamento de Cultura chamando ao 981680002 ext 4.

     Para a valoración final os membros do xurado terán en conta criterios como a orixinalidade e vistosidade dos disfraces, o  esforzo no traballo realizado, a posta en escena, a montaxe, os materiais empregados ou o humor. A resolución darase a coñecer o mesmo día 21. A charanga BB+ animará o acto.

Un ano máis os premios que se outorguen contarán co patrocinio na súa totalidade de Reale Seguros e Jaime Castro. Asesoría-Seguros. Tamén colabora a Deputación da Coruña.

Leticia Sabater

O Concello celebrará o luns 16 de febreiro unha gran festa infantil. Será no pavillón Campomaior a partir das 16.30  horas. Inchables, obradoiros, xogos, animacións, música e moito máis é o que lles espera a todas as persoas que se acheguen. Por suposto non faltarán as lambetadas.

     Tamén ese día a partir das 22.30 horas o Campo da Feira acollerá unha gran festa de Entroido baixo a carpa climatizada que se instalará  especialmente para a ocasión. No programa, deseñado pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, figuran a popular Leticia Sabater,  Discoteca CDC e o grupo Unión e Fuerza. 

     Cómpre lembrar que este ano o Concello de Ordes, entidade colaboradora deste evento, marcou como xornada festiva local o martes de Entroido.

Ordes repartirá máis de 4.000 euros en premios no seu tradicional Sábado de Piñata