• Trátase de impulsar unha variante que afaste o tráfico pesado do núcleo urbano do concello coruñés

  • A rolda dotarase de carrís para circulación de vehículos e sendas para peóns e bicicletas e patíns

  • A Xunta someterá nos vindeiros días a información pública o proxecto, co obxectivo de aprobalo no último trimestre do ano e licitar as obras no 2027

  • O Goberno galego segue a traballar en actuacións que favorecen nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura

O Goberno galego acordou hoxe someter a información pública o proxecto para a execución da rolda sur-oeste de Ordes, que unirá a N-550 (onde o Ministerio de Fomento prevé a execución dunha intersección tipo glorieta), coa estrada autonómica AC-413.

Trátase de executar unha variante que afaste o tráfico pesado do núcleo urbano do concello de Ordes.

Na actualidade o tráfico que vai dende o núcleo de Ordes cara Carballo (AC-413) ou Viaño Pequeno (DP-5903) ten que circular polo núcleo urbano de Ordes (rúa do Recreo, coincidente coa DP-5903, Alfonso Senra ou Lagartos), ao longo dunha lonxitude de 1.010 m (entre os puntos quilométricos 0 ao 1+010); motivo polo cal estas rúas soportan un elevado tránsito de tráfico pesado, e se mestura o tráfico interior dos habitantes de Ordes cos que atravesan o núcleo cara A Silva, Carballo ou Viaño Pequeno.

Para solucionar esta problemática, preténdese a execución dunha variante que discorra dende a N-550 ata a intersección da estrada AC-413 coa DP-5903 e ao mesmo tempo xerar un novo acceso, moi necesario, ao IES Maruxa Mallo, ao punto limpo e ao tanatorio municipal e cemiterio do Balado.

Coa aprobación provisional hoxe no Consello da Xunta do proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de infraestruturas (AXI), tratase de acometer un conxunto de actuación para executar a rolda sur-oeste de Ordes.

A rolda dotarase de carrís para circulación de vehículos e sendas para peóns e bicicletas e patíns.

Esta rolda permitirá reducir o tráfico de vehículos no núcleo urbano de Ordes, máis concretamente nas rúas Mediodía e do Recreo, xa que permitirá a conexión da estrada AC-524 (acceso á AP-9 e a Mesía) e da N-550 (acceso a Santiago de Compostela) coa AC413 (acceso á Silva e Carballo) e a DP-5903 (acceso a Trazo e Tordoia).

A senda peonil e carril bici previstos permitirán darlle continuidade as sendas e carril bici xa existentes e que conectan Ordes (dende Praza da Constitución) coas instalacións INFORMACIÓN AOS MEDIOS 28 da Piscina Municipal, o IES Maruxa Mallo e o IES N1 e as instalación deportivas dos Pavillóns Deportivos Castelao I e II.

As actuacións desenvólvense no Concello de Ordes, nas parroquias de Santa María de Ordes e Santa Mariña de Parada

Descrición xeral

A nova rolda terá unha lonxitude de 2,01 Km e se executarán dúas glorietas, unha no quilómetro 0+560 (glorieta 1), a altura de intersección coa rúa Coruña e o desvío que vai cara o Instituto e as instalacións da Piscina Municipal e outra no enlace coa estrada AC413 de Ordes a Carballo da rede complementaria da Xunta e a DP-5903 de Ordes a Portomouro por Puentechonia da rede de estradas da Deputación da Coruña (glorieta 2).

Tamén se executará unha intersección en T con carrís centrais, no acceso ao cemiterio municipal do Balado e instalacións do puno limpo de Ordes.

Na intervención se prestará tamén especial atención á iluminación, que debe proporcionar visión segura e confortable, así como facilitar a visibilidade.

Doutra banda, é preciso acometer a execución de tres estruturas necesarias para a execución do trazado proposto para esta rolda sur-oeste de Ordes, como son: unha ponte sobre un curso de auga á altura do punto quilométrico. 0+065; un paso inferior no punto 0+672, necesario para manter a continuidade dun viario municipal; e outra ponte sobre un curso de auga á altura do quilómetro 1+360.

A Xunta prevé someter nos vindeiros días este proxecto a información pública, a efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia e a efectos expropiatorios, por un prazo de 1 mes. Nesta intervención é necesario a expropiación de 147 predios.

A previsión é poder aprobar o proxecto no cuarto trimestre de 2026, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras no 2027. O prazo de execución das obras é de 18 meses.

O Goberno galego segue a traballar en actuacións que melloran e favorecen nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura.

A XUNTA ACORDA A INFORMACIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DE EXECUCIÓN DA ROLDA SUR-OESTE DE ORDES, QUE UNIRÁ A N-550 COA ESTRADA AC-413