Ordes acolle a segunda xornada do II Circuíto Galego de Lanzamentos
O número de inscricións supera o centenar para as modalidades de disco e xavelina. Os danos causados polo vento na gaiola de lanzamentos obrigaron a trasladar a proba de martelo a Pontevedra.
Este vindeiro domingo, 18 de xaneiro, a Cidade Deportiva de Vista Alegre acollerá a segunda xornada do II Circuíto Galego de Lanzamentos. Nesta ocasión contabilizáronse algo máis dun cento de inscricións que, a partir da categoría Sub 16, participarán nas probas de xavelina e disco. Destacar que finalmente a competición de martelo terá que desputarse en Pontevedra debido aos danos que un refacho de vento causou esta semana na gaiola de lanzamentos de Ordes. As probas darán comezo ás 10 horas e desenvolveranse ao longo de toda a mañá.
O II Circuíto Galego de Lanzamentos está coorganizado polo Concello de Ordes e a Federación Galega de Atletismo e terá continuidade ao longo de todo o ano. Concretamente os días 22 de abril, 17 de xuño e 12 e 13 de decembro. Algo que é posible grazas ao alto nivel das infraestruturas coas que conta o municipio, as cales teñen a homologación oficial imprescindible para poder desenvolver este tipo de competicións federadas.