Dará comezo o próximo 22 de decembro e rematará o 5 de xaneiro cunha gran cabalgata que percorrerá as principais rúas da vila. O día 31 na alameda haberá festa e diversión, ademais das badaladas infantís

O Concello de Ordes dá a coñecer o seu programa de Nadal, especialmente pensado para poder desfrutalo e vivilo en familia. Arrancará o próximo día 22 de decembro cunha gran festa infantil a partir das 17 horas no pavillón Campomaior. Non faltarán inchables, lambetadas, música, xogos e animacións. 

Os eventos e espectáculos terán lugar na súa meirande parte no auditorio María del Carmen Regueira Amor, situado na Casa da Cultura. Así o día 23 ás 18 horas todas/os os que queiran pasar un bo rato co espectáculo O Apalpador e as palabras perdidas, da man de A Xanela do Maxín, teñen unha cita. Sobre o escenario hologramas, monicreques e actuacións teatrais para narrar unha historia na que os xogos tradicionais e as palabras perdidas cobrarán un especial protagonismo. E non podía faltar Papá Noel, que como de costume percorrerá as rúas de Ordes a xornada do mércores día 24.

     Un habitual dos escenarios ordenses é Fran Rei, que regresará á vila con Superheroe. A partir das 18 horas do venres día 26 a comedia e a maxia encherán a Casa da Cultura con esta escenografía na que un persoeiro do máis peculiar terá que encargarse da salvación do mundo á par que cumpre coas súas obrigacións para conciliar a súa vida familiar. Outra das citas máis agardadas e ineludibles para moitos/as é o Concerto de Nadal ofrecido pola Banda de Música de Ordes, posto para as 20 horas do sábado día 27.

    O poder de Amabel é o título do espectáculo de monicreques ideado por Pérez & Fernández, que se ofrecerá o día 29 ás 18 horas. Narra a historia de Amabel, unha rapaza na procura do seu superpoder e que forma parte dunha familia onde cada membro ten asignado o seu propio. Para logralo terá que virir máis dunha aventura a carón do seu amigo Braulio. Joshua Kenneth encherá Ordes de maxia o martes día 30 desde as 18 horas. 

     E xa para despedir o ano nada mellor que o deporte. Por iso o 31 de decembro o Concello de Ordes organizará nuevamente unha carreira de San Silvestre con saída ás 12 horas dende a rúa Entre Parques.

     Co inicio do novo ano o día 2 de xaneiro ás 18 horas Teatro Ghazafellos volverá a subir o pano do escenario con Iriña Bailarina, peza infantil na que a través de piratas, futbolistas e outros personaxes se reflexionará sobra a igualdade de xénero e o cambio de roles.

     As SSMM Os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, farán a súa gran entrada en Ordes nunha gran cabalgata que encherá o día 5 de xaneiro as rúas de cor, alegría, música, emoción e agasallos. 

Para a realización desta programación o Concello de Ordes contou coa colaboración de AECOR Ordes, Deputación da Coruña, Instituto para la Transición Justa, Ciudad de la Energía e Dinamizart

Fin de ano
O 31 de decembro de 13 a 19 horas a alameda de Ordes acollerá unha gran celebración de fin de ano. A música e a festa non faltarán nesta peculiar despedida de ano grazas ás actuacións de Los Alcántara e Disco CDC con DJ Rafa Astray como convidado especial. Os máis novos e novas da casa terán a súa particular quedada para poder comer as uvas ás 17 horas, momento no que terán lugar as badaladas infantís. Ademais haberá callos para todos/as os que se acheguen.

     O derradeiro brindis do ano está organizado pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes en colaboración con Concello de Ordes. 

Monicreques, teatro, maxia, música, festas, deporte… todo ten cabida no programa de Nadal de Ordes