Ordes inaugura o primeiro parque de calistenia de España accesible para persoas con mobilidade reducida
A inauguración terá lugar o sábado 22 de novembro nunha cerimonia á que asistirá Marcos Vázquez, escritor e comunicador internacional de fala hispana vinculado ao mundo do deporte e da saúde.
O Concello de Ordes contará coa pista de calistenia e OCR (Obstacle Course Racing) máis longa de España, cunha lonxitude de máis de 11 metros, e coa primeira infraestrutura deste tipo no país adaptada para persoas con mobilidade reducida.
A cerimonia de apertura deste circuíto celebrarase o 22 de novembro ás 12:30 horas na Rúa Manuel Murguía, en Ordes, coa participación do alcalde do concello, José Luis Martínez Sanjurjo.
Ademais, Marcos Vázquez estará presente para dirixir unha sesión de adestramento. É divulgador, autor de seis libros sobre hábitos saudables e creador de Radio Fitness Revolucionario, un dos podcasts en castelán máis escoitados no eido da saúde e do benestar.
Un deseño versátil e funcional
A empresa Xtenos, con sede na localidade galega, foi a encargada de desenvolver este parque modular que combina o mellor da calistenia e do adestramento OCR nunha instalación duradeira, adaptable e única.
Non é un parque estático, senón un espazo en constante evolución que se pode ampliar con novos módulos e accesorios.
Está deseñado para ser máis que un simple lugar de adestramento, senón tamén un punto de encontro para a comunidade, promovendo a saúde, a inclusión e os hábitos saudables.
Características técnicas: calistenia e OCR no mesmo espazo
Zona de calistenia
- Barras de muro para exercicios de mobilidade e forza.
- Barras de flexións e paralelas a diferentes alturas, adaptadas a todo tipo de usuarios.
- Presa inclinada para exercicios de empuxe e abdominais.
- Un dip bench, ideal para fondos e fortalecemento do tren superior.
Zona OCR
- O percorrido municipal de OCR máis longo de España, deseñado para probas de resistencia e habilidade técnica.
- Escada horizontal de altura variable, que comeza a 1,6 metros e sobe gradualmente ata 2,8 metros, engadindo un desafío técnico único para os participantes.
- Estruturas específicas que permiten adestramento intenso e simulacións de competición OCR.
Ordes como referencia en saúde e actividade física
Con este circuíto, o concello de Ordes convértese no primeiro en ter unha OCR pública con obstáculos, reforzando así o seu compromiso co deporte e a saúde.
Este parque converterase nun referente para promover un estilo de vida activo nunha contorna segura e de alta calidade, situando Ordes á vangarda da inclusión cunha zona de adestramento accesible e de alto rendemento.