O Concello pon á venda a parcela do antigo karting, no polígono industrial de Merelle
Son algo máis de 6.000 m2 cun presuposto base de licitación de 454.000 €.
Ata o 25 de novembro estará aberto na plataforma de contratación do sector público o prazo para poder presentar ofertas para a adquisición dunha parcela de 6.100 m2 de superficie situada no polígono industrial de Merelle (Referencia catastral: 9017841NH4791N0001ZD. Finca rexistral: 22001, Ordes, CRU: 15012000460502).
O presuposto base de licitación para este proceso de alleamento patrimonial por parte do Concello de Ordes ascende a 454.005,31 € (375.211 € impostos non incluídos).
Dita parcela tras a aprobación definitiva do Pxom mudou a súa clasificación do plan parcial de un equipamento de parque deportivo a un carácter lucrativo, de xeito que pasou a serlle de aplicación a ordenanza comercial tipo B, destinada a soportar edificación comercial e industrial.
O que resulte adxudicatario do ben conforme aos pregos técnicos deberá cumprir as obrigas e compromisos da súa oferta, en particular a de implantación da actividade nun prazo máximo de 12 meses.
Cos fondos procedentes deste concurso que deberan destinarse a súa reinversión en patrimonio do solo, a previsión local é de ter recursos económicos que posibiliten a adquisición de solo urbano consolidado para a posterior execución de vivenda pública, ou poder participar con outras administracións na adquisición dos terreos que conforman o S-12 previsto no Pxom para a ampliación do parque empresarial de Merelle.