Bebeto presentará a súa biografía en Ordes
A estrela do R.C. Deportivo da Coruña estará na Casa da Cultura o vindeiro sábado 29 de novembro
Os afeccionados ao fútbol teñen unha cita ineludible en Ordes. Será o sábado 29 de novembro ás 18 horas na Casa da Cultura. Daquela a estrela do R.C. Deportivo da Coruña presentará a súa biografía Bebeto. El hombre que acunó el gol. Un traballo que repasa a vida deste futbolista imprescindible na historia do Deportivo da Coruña e da selección brasileira. Abrangue episodios que van dende a súa infancia en Baía (Brasil) ata a participación en mundiais como o de Francia 98. Un enfoque humano e deportivo que mostran un Bebeto ao completo en todas as súas vertentes, incluída a política e social, valéndose de testemuños de familiares, amigos e compañeiros como Romario, Donato, Fran ou Mauro Silva, entre outros.
Bebeto. El hombre que acunó el gol está asinado por Alexandre Centeno, nome con moita sona no eido da información deportiva e actual presidente da Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (Agaxorde). O libro consta de 208 páxinas, das cales 32 son de fotos, algunhas delas inéditas, procedentes da colección familiar.