A Asociación Amigos da Música de Ordes celebrará a súa patroa o próximo 15 de novembro con actuacións en directo e un xantar popular

A Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes celebrará a festa da súa patroa o vindeiro 15 de novembro. Este ano para conmemorar a Santa Icía socios e directiva elaboraron un programa no que, como non podía ser doutro xeito, a música é a protagonista. 

     O punto de encontro será o pavillón do CEIP Campomaior. A Banda de Música de Ordes será a encargada de abrir a xornada cunha actuación que dará comezo ás 13 horas. Xa pola tarde, concretamente ás 19 horas, será a quenda para Balai Malditos, trío composto de gaita, bombo e tambor. Ás 20.30 horas chegará o momento para Os da fábrica, mentres que o Trío Alborada o fará a  partir das 21.30 horas. Todos estes concertos estarán abertos e serán de balde para os veciños e veciñas que se queiran achegar.

     Ás 14.30 horas haberá un gran xantar popular a base de polbo, empanada, xarrete asado, bebida, sobremesa e café. Será gratuíto para todos os socios e socias. As demais persoas deberán adquirir os tíckets antes do 12 de novembro a través das redes sociais ou de calquera membro da asociación, ou ben na Escola Municipal de Música de Ordes (martes e venres de 20.30 a 22 horas). As tarifas son 40 € para as persoas adultas e 20 € para menores de 6 a 12 anos. Os nenos e nenas de 0 a 6 anos tamén poderán comer de balde. Ademais, haberá servizo de bar, sorteos, calefacción e animación para que a cativada o pase mellor. 

     Nesta celebración participan tamén o Concello de Ordes, a Deputación da Coruña e a Banda de Música de Ordes.
 

Festa de Santa Icía no polideportivo Campomaior