O Concello de Ordes homenaxea ao Soldado Lois
O cemiterio do Piñeiro acollerá o domingo unha misa e a ofrenda floral ante a tumba do seu heroico veciño, finado en acto de guerra en 1937. Participará tamén o Terzo Norte da Infantería da Mariña de Ferrol.
Como cada 1 de novembro, Día de Todos os Santos, o Concello de Ordes honrará a memoria dun dos seus veciños ilustres máis populares. Trátase de Manuel Lois García, coñecido popularmente como 'Soldado Lois'. O cemiterio do Piñeiro volverá ser o escenario principal para esta homenaxe. Tras unha breve recepción no Concello, ás 12 horas está previsto o inicio da misa e posterior ofrenda floral na tumba-monumento construída en memoria do Soldado Lois.
Como sempre acontece, os integrantes e vistosos uniformes do Terzo Norte de Infantería da Mariña de Ferrol acapararán as miradas e a atención de todos/as os/as asistentes. A banda de música militar marcará os tempos deste acto, no que as notas do himno da Lexión Española Soy el novio de la muerte volverán estremecer a máis dun/ha. Entre as persoas presentes non faltará o coronel-comandante do Terzo Norte de Ferrol, Antonio Javier Palmero Romero. Agárdase tamén a asistencia de alcaldes da comarca, membros da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, ademais da de membros da corporación e do equipo do Goberno local co alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, á cabeza.
Historia do Soldado Lois
Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.
Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacant, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.
Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermería do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento, o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.