O Mesón do Vento acollerá unhas xornadas dedicadas ao cultivo do grelo
Serán de balde e terán lugar os días 7 e 8 de novembro
Baixo o título Grelo Galego. Un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio, os días 7 e 8 de novembro vanse impartir no mercado agrario comarcal do Mesón do Vento dúas xornadas sobre este produto tan recoñecido e demandado do municipio de Ordes. O primeiro dos días, venres, dende as 17 ata as 21 horas ofrecerase unha sesión teórica e de intercambio técnico. Xa de cara ao sábado, de 10 a 12 horas, levarase a cabo unha demostración práctica nunha leira próxima. As persoas que desexen apuntarse poden facelo xa no teléfono 981 680 002 (ext. 4) ou enviando un correo cos datos persoais e de contacto a cultura@ordes.gal.
Os responsables de ambas as sesións serán Fernando Almeida García, doutor en Enxeñería Agrónoma, e Antonio Fontenla Martínez, licenciado en Veterinaria e técnico en calidade. Abordarán temáticas sobre o contexto, os requisitos de certificación e as vantaxes da marca Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia. Tamén explicarán as técnicas modernas de produción, as rotacións, a fertilización orgánica, a sementeira ou os regos para poder desestacionalizar o cultivo. Prestarase atención ao control das malas herbas, á identificación de pragas e enfermidades e ao uso dos fitosanitarios.
A maiores achegaranse coñecementos para o procesado e a comercialización segundo sexan grelos frescos ou en conserva, tendo en conta as diversas técnicas de lavado, escaldado e envasado que cumpren coa trazabilidade e coa normativa actual. Non se deixará de lado conceptos como a innovación e a sostibilidade, en base a aspectos como o deseño e a adaptabilidade local de maquinaria ou a tramitación de axudas. Por último farase unha comparativa entre a recolección manual e a mecanizada e os resultados que brindan no campo.
Nesta actividade participan a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e a Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia.