Ordes terá contadores mecánicos na súa rede de abastecemento para evitar perdas
O orzamento para instalar seis dispositivos dixitais ascende a 54.450 €. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 19 de novembro
Ata o vindeiro 19 de novembro poderanse presentar ofertas no proceso de licitación para a mellora e dixitalización da rede de abastecemento municipal. O proxecto contempla a colocación de contadores mecánicos de medición de caudal con sistema de telecontrol e telemetría. Deste xeito poderanse reducir as perdas de auga na rede, optimizando así os recursos hídricos dispoñibles. O presuposto base, IVE incluído, ascende a 54.450 euros (45.000 € sen IVE)
En arquetas de formigón armado con tapas de fundición instalaranse un contador mecánico para DN 65 mm e outros cinco para DN 80 mm. Contarán cun emisor de impulsos para telexestión e telelectura, con tecnoloxía GSM/GPRS que permitirá monitorizar os contadores e a presión. Esta obra atópase recollida no plan de actuacións para a redución das perdas de auga do sistema de abastecemento municipal 2023-2026. Hai que sinalar que a día de hoxe Ordes conta cunha rede de canalización de auga potable que se estende a case 130 km, carente de contadores para detectar fugas.
Para sufragar este gasto o Concello de Ordes conta cunha subvención de 45.000 euros outorgada por Augas de Galicia, destinada a minimizar as perdas de auga en concellos de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU.