A ordense Aira Portos mostra a súa curtametraxe documental Praza do Punto
Tras a proxección deste traballo baseado na fábrica de Viriato celebrouse un coloquio. Seleccionado polo Ventura Play-Doc 2025, a cinta transformarase nunha longa para a que se solicita a colaboración veciñal na procura de material para a fase de documentación
A curtametraxe documental Praza do Punto proxectouse en aberto esta fin de semana para a veciñanza de Ordes. Ademais de gozar desta peza audiovisual as persoas que se achegaron ata a Casa da Cultura tamén puideron participar no coloquio posterior, levado a cabo entre traballadores/ras e o equipo directivo do documental. Este atende á actividade que durante décadas ata o seu peche definitivo no ano 2017 se levou a cabo na fábrica téxtil de punto de Viriato. Un epicentro empresarial na vila de Ordes que supuxo un revulsivo económico para moitas familias da zona. A súa influencia foi tal que excedeu a perspectiva económica ata ampliarse ao eido sociolóxico, marcando un antes e despois no desenvolvemento da comarca.
A través do testemuño de moitas das persoas que traballaron en Viriato ao longo dos anos o público fai un percorrido pola súa historia, a dos seus fundadores, e no día a día da actividade empresarial. Visualmente faise un percorrido actual polas súas instalacións, que en breve serán demolidas tras ser adquiridas polo Concello de Ordes.
A ordense Aira Portos dirixe este proxecto, para o que contou tamén con Gabriel Ces na produción, Noa Romero na fotografía e Breixo Barreiro na documentación. Todos/as eles/as teñen estudos en comunicación audiovisual e tamén asinan o guión.
Praza do Punto conta no seu haber co premio á mellor peza na categoría Escolas Galega do FICBUEU 2025. Foi un dos sete proxectos seleccionados polo laboratorio de creación Ventura de Play-Doc, espazo de referencia celebrado en Tui para o impulso do cinema galego contemporáneo e que reúne proxectos de diversas autorías e xeracións. Grazas a este recoñecemento Praza do Punto pasará a ser unha peza de longa duración. Por todo isto Aira Portos e o seu equipo solicitan a colaboración da poboación ordense para a recompilación de material gráfico, sonoro ou de calquera índole que poida ser empregado na fase de documentación deste proxecto que continúa vivo e cara adiante a día de hoxe.