Ordes acolle mañá a presentación do programa ActivaVerde
Trátase do plan de apoio para a recualificación profesional e a reinserción laboral da poboación afectada polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes de García Rodríguez
Mañá terá lugar en Ordes a xornada de presentación do proxecto ActivaVerde. Trátase do plan de apoio para a recualificación profesional e a inserción laboral da poboación afectada pola transición enerxética. Poden así participar as persoas traballadoras, empregadas ou desempregadas, procedentes de empresas afectadas directa ou indirectamente polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes de García Rodríguez.
O alcalde José Luis Martínez Sanjurjo será o encargado de abrir este encontro ás 12 horas no salón de plenos situado nos baixos da alameda (Rúa Xoxé Xoxardo, s/n). O programa continuará coas intervencións de representantes da Asociación de Industrias do Metal e de Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), CCOO, UGT-FICA Galicia e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Tamén se abrirá ao público asistente unha rolda de consultas e a recollida de solicitudes de participación. A hora de finalización está posta para as 13.30 horas cunha sesión de networking na que se compartirán ideas, exploraranse oportunidades de negocio, ademais de crearse conexións para futuros proxectos laborais.
Ata novembro de 2028 o itinerario establecido pasa polo apoio integral, personalizado e continuo a todas as persoas participantes. Paralelamente daráselles formación especializada en tecnoloxías verdes, eficiencia enerxética e dixitalización. Tamén se lles brindará asistencia na busca de emprego ou no establecemento por conta propia, mediante intermediación laboral e titorías personalizadas.
Coa cita de mañá ActivaVerde conclúe o seu periplo inicial de presentacións ante a sociedade despois de que se fixera o 9 e 15 de outubro no Viveiro de Empresas Municipal de Cerceda e na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez respectivamente.
Impulsado pola Xunta de Galicia, o programa ActivaVerde está financiado polo Fondo Europeo de Transición Xusta e conta co respaldo do Ministerio de Facenda.