Leti da Taberna entusiasma ao público ordense
Enredada, o espectáculo que este venres ofreceu Leti da Taberna en Ordes, prolongouse máis tempo do programado. A entrega e expectación dun público que encheu a Casa da Cultura animaron á humorista a ir máis aló do tempo marcado inicialmente para a súa actuación. As risas traspasaron as paredes do auditorio María del Carmen Regueira Amor, grazas a un monólogo no que se describiron situacións do máis cotiás á hora de relacionarnos coa tecnoloxía.
A cita formou parte do programa Outono Cultural, que este venres terá continuidade coa obra de teatro O Proceso. Pensada para un público a partir dos 14 anos de idade, terá lugar ás 20 horas na Casa da Cultura.