BELÉN DO CAMPO AGRADECE A IMPLICACIÓN DAS NAIS E PAIS NO PROXECTO DA VACINACIÓN INFANTIL NO QUE PARTICIPARON MÁIS DE 260 NENOS DO CEIP ALFONSO RODRÍGUEZ CASTELAO DE ORDES
A delegada da Xunta visitou este centro educativo para compartir cos alumnos e profesores a experiencia desta campaña pioneira que comezou o 13 de outubro e rematará o 23 de outubro na provincia e na que participaron 8 centros educativos da cidade e da área de Compostela
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, acompañada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, e polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP Indalecio Cabana, para compartir cos alumnos e profesores a experiencia do proxecto piloto de vacinación contra a gripe dirixido a alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e a todos os cursos de educación primaria nos colexios seleccionados de forma voluntaria.
Belén do Campo agradeceu a implicación das nais e pais xa que é fundamental para o éxito desta iniciativa. As familias deben asinar un consentimento informado que autorice a vacinación dos seus fillos e fillas e entregalo no propio centro educativo. Ademais, antes da administración da dose, o persoal sanitario está revisando a historia clínica dos menores para garantir que cumpren os requisitos médicos necesarios.
A representante do Goberno autonómico destacou que neste centro tiveron acceso á vacina 478 alumnos e foron autorizados 264 o que supón unha porcentaxe superior ao 55% . Esta iniciativa está impulsada conxuntamente polas Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, que busca reforzar o liderado galego en materia de saúde pública e innovación preventiva.
A delegada da Xunta lembrou que a campaña comezou o pasado luns nun centro educativo de Oroso e chegará a 8 concellos de Santiago e da súa área. Concretamente, o martes 14 vacinouse no CEIP Fontiñas; o mércores 15 no CPR La Salle de Santiago de Compostela; hoxe no CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes; o luns 20 de outubro será no CEIP O Coto de Negreira; o mércores 22 de outubro no CPR Nuestra Señora Rosario de Arzúa e no CPR Nosa Sra Inmaculada de Santa Comba e rematará en Ames, o xoves 23 de outubro, no EEI Milladoiro.
A administración da vacina corre a cargo de equipos de enfermaría das áreas sanitarias, que se desprazan aos propios colexios para facilitar o proceso. A vacina intranasal, pola súa sinxeleza e boa aceptación entre os máis pequenos, converte este proxecto nun modelo de vacinación escolar áxil e adaptado ás necesidades das familias.
O propósito final deste programa é reducir o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe na poboación infantil, minimizando o seu impacto na saúde das familias e na sociedade galega en xeral. Belén do Campo recalcou que “a prevención segue a ser a mellor ferramenta para protexer a saúde pública e fortalecer o benestar colectivo.
Con esta iniciativa pioneira, Galicia reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis sa, solidaria e previda, promovendo unha cultura de vacinación segura, accesible e participativa, na que a colaboración das familias xoga un papel esencial para o éxito común.
Nos colexios seleccionados, a vacinación ofrécese de forma voluntaria ao alumnado. A meta é acadar unha cobertura do 70 % entre os nenos e nenas nados entre 2014 e 2022, matriculados nestes centros. En función dos resultados obtidos, a Xunta valorará ampliar o proxecto ao resto dos centros escolares en próximas campañas.
Campaña galega
Este ano, Galicia está dando un paso máis na protección da saúde da infancia coa posta en marcha deste programa piloto de vacinación intranasal.
Esta acción inscríbese na campaña xeral de vacinación infantil fronte á gripe, que por primeira vez se estende a todos os nenos e nenas de 6 meses a 11 anos, o que supón un total de arredor de 215.000 menores en Galicia. As familias que participen no proxecto piloto non precisarán pedir cita previa, xa que a vacinación realizarase directamente nas aulas.
Para a posta en marcha da campaña xeral, a Consellería de Sanidade xa enviou os primeiros SMS coas citas de vacinación nos centros de saúde e consultorios correspondentes. No caso das familias que participen no proxecto piloto escolar, non será necesario solicitar cita previa, xa que a administración da vacina realizarase directamente no centro educativo.
Centros educativos
O piloto realizarase nun total de 55 centros en Galicia, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, dos cales 22 son na provincia da Coruña, co obxectivo de achegar a vacina a preto de 19.000 escolares de 3 a 11 anos, dos cales case 9.500 son da provincia da Coruña. En concreto, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza son 11 os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). En total, ofrecerase a posibilidade de vacinarse a 3.675 alumnas e alumnos,
Ademais, 9 centros pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee, o CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros) ofrecen a vacinación voluntaria a 5.325 nenas e nenos.
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol, ofrecendo a posibilidade de vacinarse a 414 nenas e nenos.
