• A intervención permitirá acondicionar o espazo do Mesón do Vento e mellorar os itinerarios peonís na contorna deste municipio do Camiño de Santiago
  • A actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade
  • As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de novembro

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe por un importe de 830.587 euros as obras de humanización do Campo da Feira, no lugar do Mesón do Vento, no concello de Ordes. Esta actuación enmárcase no Plan Hurbe, a través do convenio asinado pola Administración autonómica e o concello coruñés.

A través desta colaboración, trátase de executar as obras de acondicionamento do Campo da Feira no lugar do Mesón do Vento, así como a mellora dos itinerarios peonís na contorna deste municipio do Camiño de Santiago.

De acordo ao convenio asinado hoxe, o departamento que dirixe maría M. Allegue financiará  o 60% do orzamento desta intervención, e  Concello de Ordes achegará o 40% do investimento restante.

As empresas interesadas poderán presentar ofertas para este contrato ata o 12 de novembro.

Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, polo que a Xunta colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.