O rexedor ordense recibiu o distintivo en Mos de mans do presidente da Xunta e da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Ordes foi recoñecido coa Bandeira Verde de Galicia. O distintivo foi recollido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, nun acto organizado no municipio de Mos. Deste xeito, a Xunta de Galicia recoñece o compromiso da administración local e a veciñanza ordense a prol dun municipio “fermoso e sostible”, tal e como indicou o presidente Alfonso Rueda. Acompañándoo estivo tamén a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

     Creada pola Xunta no ano 2020, a Bandeira Verde de Galicia distingue o esforzo local en materia de paisaxe, eficiencia enerxética, educación ambiental e xestión responsable de recursos. Tal e como se comunicou dende o ente autonómico, nesta sexta edición acádase a cifra récord de 33 concellos recoñecidos, preto dun 40% máis que o ano pasado. Por provincias a máis numerosa foi a da Coruña con 15 municipios, mentres que Lugo, Ourense e Pontevedra contabilizaron seis cada unha delas.

     Alfonso Rueda avanzou que no vindeiro ano 2026 a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia. “Unha estrutura de cooperación para compartir boas prácticas, desenvolver proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico e económico. Tamén contará cun foro anual de expertos e unha páxina web para reforzar o posicionamento de Galicia en Europa como territorio comprometido coa paisaxe e a sostibilidade”. A iniciativa enmarcarase dentro da Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030. O obxectivo pasa porque a “conservación da paisaxe estea en todas as políticas transversais da Xunta”.
 

Ordes recibe por quinto ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia