Ordes agarda con ansia A Convidada
O folclore e a música encherán de tradición a alameda este sábado, cun programa que tamén inclúe foliadas, cantos de taberna e xantar popular
Este sábado A Convidada volverá encher de música e tradición a vila de Ordes. Ao longo de todo o día desenvolverase un amplísimo programa de actividades e eventos folclóricos que terán como escenario principal a céntrica alameda de Ordes.
Xa dende ben cedo, e continuando pola tarde, arrancarán os obradoiros da man de Fran Sieira, baile; María Vidal, canto, e Xosé Maceda, que mostrará como se constrúe unha pandeireta. Tras unha mañá de traballo nada mellor que unha sesión vermú coa formación A Requinta de Lampai (13.30 h). Xa despois poderanse repoñer forzas cun gran xantar popular no que non faltará empanada, xarrete de porco asado con patacas e larpeira con vasos de chopo e café. De seguido Rocío Broz, da escola Sistrel, levará a cabo unha sesión de iniciación ao baile.
A iso das 17.30 horas a filóloga e pandeireteira Icía Varela, o profesor Xosé Manuel Varela e a ilustradora Nerea Gómez presentarán o libro Cantareiras. Un traballo que transita pola música e a poesía tradicional, achegándonos ás figuras das As Vellas de Mens, Eva Castiñeiras e Adolfina e Rosa Casás.
Unha vez máis a alameda será arredor das 19.30 horas lugar de encontro para os grupos participantes nos cantos de taberna. Dende alí distribuiranse por todos os bares e establecementos, onde empezarán a tocar e cantar media hora máis tarde. Estes son: Bar Regos, Cervexería PJ, Pulpería Verde Galicia, A Barrica, A Berxa, Bar Rojo, Rincón do Pincho, Orellas e Gerardo. A iso das 22.30 horas todos eles recolleranse novamente na alameda para dar paso a unha gran foliada. Tamén se sortearán unha pandeireta, un pínfano e un año.
Nesta ocasión Embruxo Gaiteiros, organizadores desta iniciativa, contaron coa colaboración do Concello de Ordes, Suso Gestal, Carpintería Mesías, Manels Percusión Tradicional, Mutante e Carnicería Enrique.
