Ángel Carracedo ofrecerá unha charla en Ordes sobre a xenética como medida de prevención contra o cancro
Terá lugar a mediados de outubro na Casa da Cultura e será de balde para todas aquelas persoas que queiran asistir
O mércores 15 de outubro o profesor Ángel Carracedo ofrecerá un relatorio no que abordará a xenética como ferramenta na prevención contra o cancro, ademais de falar sobre o Proxecto Xenoma Galicia. A cita está posta para as 19 horas no auditorio María del Carmen Regueira Amor e a ela poderán acudir todas aquelas persoas que o desexen.
Xenoma Galicia é un proxecto de investigación a través do cal se está a avaliar un novo enfoque de medicina personalizada baseado na identificación das variantes xenéticas para previr enfermidades. Entre as patoloxías coas que se está a traballar figuran o cancro de mama e o de ovario hereditario, o Síndrome de Lynch e a Hipercolesterolemia familiar.
Os datos de secuenciamento do ADN que se obteñen quedarán dispoñibles por se fosen relevantes para tratamentos futuros. Serán cedidos de forma anónima para fins de investigación biomédica sempre e cando se outorgara o respectivo consentimento.
Organizada pola Asociación Contra o Cancro de Ordes, esta cita conta tamén coa participación e colaboración do Concello de Ordes.
