A Escola Municipal de Música de Ordes abre un novo prazo de matrícula
Dará comezo o próximo luns e estará vixente ata o 23 de setembro
Despois do chamamento realizado no mes de xuño a Escola Municipal de Música de Ordes volve abrir un novo prazo de matrícula para o curso 2025-26. Dará comezo o vindeiro luns día 15 e finalizará o martes 23 de setembro. Os formularios de solicitude e domiciliación bancaria poden descargarse a través das redes sociais municipais e na web da escola (www.emmordes.com).
O modelo de matrícula sinxela dá opción a cursar unha única materia. Poderase escoller entre Instrumento (é necesario ter coñecementos mínimos de linguaxe musical), Música e Movemento (de 3 a 5 anos), Formación Básica (6 e 7 anos) e Linguaxe Musical (+7 anos).
De cursar máis dunha materia deberase optar pola matrícula completa, na que o alumnado deberá escoller entre Formación Básica (6 e 7 anos) ou Linguaxe Musical (+7 anos) e Instrumento. A maiores tamén se poderá optar por outras disciplinas colectivas como Banda Escola, Big Band, Coro, Música de Cámara, Combo Folk e Combo Rock.
Entre a ampla variedade de instrumentos que se poden escoller para cursar na escola figuran (consultar dispoñibilidade de prazas): Óboe, clarinete, frauta, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, piano, guitarra (clásica, eléctrica e baixo), percusión (clásica e moderna), violín, violonchelo e contrabaixo.
O custo da matrícula ascende a 67 euros e o pagamento mensual ascende a 20 euros por cada materia, tendo as familias numerosas un desconto do 50%.
