XUNTA E CONCELLO DE ORDES COLABORAN NA HUMANIZACIÓN DO CAMPO DA FEIRA NO LUGAR DO MESÓN DO VENTO, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 950.000€
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou co alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, o convenio para desenvolver esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe
- A intervención permitirá acondicionar o espazo do Mesón do Vento e mellorar os itinerarios peonís na contorna deste municipio do Camiño de Santiago
- A actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade
- A través do convenio asinado hoxe, a Xunta asume o 60% do orzamento, máis de 566.000€, contratará e executará as obras
A Xunta e o Concello de Ordes colaboran nas obras de humanización do Campo da Feira, no lugar do Mesón do Vento, que suporán un investimento total que roldará os 950.000 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe co alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, o convenio para o desenvolvemento desta actuación ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta.
A intervención prevista permitirá executar as obras de humanización do Campo da Feira no lugar do Mesón do Vento, así como a mellora dos itinerarios peonís na contorna deste municipio do Camiño de Santiago.
De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta achegará o 60% do orzamento desta intervención, con máis 566.000 euros, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Ordes asumirá o 40% restante do custe das obras, case 378.000 euros; así como a redacción do proxecto, a reali-zación das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.
A través do Plan Hurbe, a Xunta colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
