O Concello de Ordes licita a demolición da antiga fábrica de Viriato
O presuposto para derrubar un volume total de 11.585 m³ é de 423.696,30 €.
O Concello de Ordes manterá aberto ata o 17 de setembro o prazo para presentar ofertas dentro do proceso de licitación para as tarefas de demolición das construcións da antiga fábrica téxtil de Viriato, situadas na rúa Galicia. Un proxecto para o que se contempla un presuposto total de 423.696,30 € (presuposto base de licitación: 350.162,23 €). En conxunto vanse demoler 11.585 m³ de superficie, o que inclúe a nave principal, edificacións auxiliares e de acceso, galpóns e cubertas de aparcamento. O prazo previsto para a súa execución é de 16 semanas.
As demolicións levaranse a cabo por medios manuais e mecánicos, quedando descartado o uso de cargas explosivas. Realizarase un fraccionamento e troceado para poder manipular os elementos extraídos. Para evitar o po en suspensión no ambiente vaise empregar un sistema de regado mediante canóns nebulizadores de auga. Con tal fin para o traslado de escombros e restos vanse utilizar camións debidamente cubertos con redes ou elementos que impidan desprendementos.
Está previsto que as tarefas de demolición se estruturen por fases, empezando polo nivel superior e continuando sempre en nivel descendente. Para os cortes e a desmontaxe os elementos sempre se manterán suspendidos ou apuntalados para evitar impactos bruscos que provoquen vibracións que afecten a outros elementos situados na zona.
Os residuos de orixe pétreo (formigóns, ladrillos, cerámicas etc) van ser triturados con maquinaria especial para poder utilizarse posteriormente á hora de acondicionar os terreos. No caso de elementos que conteñan amianto a empresa contratada deberá constar no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA). Instalarase unha caseta de descontaminación e contarase cun camión grúa para cargar as placas de fibrocemento, as cales van ser imprimadas cunha mestura de axente encapsulante e auga para minimizar a dispersión de amianto durante a manipulación das mesmas. O persoal que leve a cabo este traballo terá un máximo de 4 horas diarias para levalo a cabo.
A xestión dos residuos así como aqueles aspectos relacionados coa seguridade e salubridade, tanto para traballadores/as como para a veciñanza, estarán enmarcados no establecido polos reais decretos que regulan esta actividade e sempre cumprindo coa lexislación vixente.
