Pódense solicitar ata un máximo de 100 m² para a súa reutilización. As tarefas de cambio por outro de última xeración xa están iniciadas e ascenden a preto de 272.000 euros

O Concello de Ordes ten iniciados os traballos para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Vista Alegre. Unha intervención integral cuxo investimento ascende a un total de 271.860,08 euros.

A día de hoxe xa se teñen retirados gran parte dos máis de 7.000 m² de céspede artificial, colocados no ano 2009, que serán substituídos por outro de última xeración e con certificación FIFA para as categorías FIFA Quality e FIFA Quality Prol. O proxecto tamén inclúe a instalación dunha base elástica prefabricada cunha absorción mínima de impactos do 40%. Para acadar a maior uniforme posible do terreo vanse levar a cabo tarefas de fresado e aplicarase conglomerado quente nas zonas con irregularidades e  deformacións. Tamén se arranxará a canalización perimetral do campo e instalarase unha nova reixa.

En prol de evitar na maioría do posible un impacto medioambiental negativo o Concello de Ordes ofrece a posibilidade de poder facerse de balde cun máximo de 100 m² do céspede retirado para ser reutilizado posteriormente. Aquelas persoas interesadas deberán formalizar unha solicitude no rexistro do Concello de 8.30 a 14.30 horas. O material que non sexa recolocado entre a poboación demandante vai ser traslado a un vertedoiro autorizado para a súa reciclaxe.

O Concello cede gratuitamente anacos de céspede artificial do campo de fútbol de Vista Alegre