A malla de Ardemil terá lugar os días 8 e 9 de agosto
O sábado será o día grande coa recreación da que é unha das maiores tradicións labregas de Galicia. Non faltarán a feira de antigüidades, a música tradicional e a exposición de vehículos e maquinaria
Xa queda menos para que a parroquia de Ardemil rememore unha das tradicións agrícolas máis importantes grazas á Asociación Cultural Castro da Croa. A malla de Ardemil terá lugar os días 8 e 9 de agosto, xornadas nas que sen dúbida se congregarán centenares de persoas con gañas de ver en vivo como labregos e labregas separan o gran da palla cos métodos e a maquinaria máis rudimentarios. Un labor levado a cabo do mesmo xeito que se facía no século pasado.
A primeira xornada, a do venres, a celebración dará comezo a partir das 22 horas coa actuación de Yuni Remix e o reparto de touciño entrefebrado. Xa de cara ao sábado o programa arrancará a partir das 12 horas coa propia malla. Este día non faltarán a feira de antigüidades, a exposición de todo tipo de vehículos antigos, así como a de tractores e o circuíto para nenos e nenas da marca Rolly Toys. Por suposto tamén haberá gaiteiros e carpa con carne ao caldeiro e polbo. O Trío Reynamar será o encargado de prolongar a festa ata ben entrada a noite.
A día de hoxe permanece aberto o prazo para poder inscribirse na feira chamando ao teléfono 676 221 905.
Un ano máis o Concello de Ordes colabora con esta cita festiva e cultural, marcada pola tradición e o traballo no eido rural.
