Os maiores de Ordes terán a súa festa na primeira fin de semana de setembro
Será o día 6 e o prazo para inscribirse estará abeto do 18 ao 29 de agosto no Concello. Haberá misa solemne, actuación musical e xantar.
A xuntanza de maiores organizada polo Concello de Ordes levarase a cabo o sábado 6 de setembro. O programa inclúe unha misa solemne ás 13 horas no anexo cuberto situado a carón do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Xa a partir das 14.30 horas, e ben preto, no pavillón Castelao II terá lugar o xantar popular. Unha cita que cada ano congrega arredor dun millar de persoas prodecentes de cada unha das 13 parroquias espalladas polo termo municipal.
O prazo para inscribirse e poder asistir á cita estará aberto no Concello de Ordes dende o 18 ata o 29 de agosto. É necesario presentar o DNI e realizar o pago de 5 euros por persoa. Poderán asistir a esta xuntanza aquelas persoas empadroadas no municipio que teñan 60 anos ou máis no momento de realizar a inscrición, pensionistas de calquera idade empadroados, así como as persoas de máis de 60 anos ou pensionistas que naceran en Ordes e así o acrediten. Tamén os cónxuxes daqueles/as que cumpran cos requisitos anteriores.
Tal e como marca o costume o menú será do máis tradicional cun entrante de empanada, seguido de polbo á feira e xarrete asado con patacas e gornición (D.O. Ternera Gallega e Patacas de Galicia). Para rematar haberá larpeira, xeado, torta, queixo con marmelo ou similares. Non poderán faltar o viño branco e tinto, augas, refrescos, café, infusións e licores de calidade. Todos e cada un dos produtos servidos estarán á temperatura e coas condicións necesarias para o seu pleno desfrute.
