Preto dun millar de exemplares déronse cita esta fin de semana na localidade ordense. Non faltaron os campionatos e as degustacións

O Mesón do Vento acolleu esta fin de semana a súa XXXII Feira de Cans de Caza. “A mellor dos últimos anos” en palabras de Manolo Mesía, principal organizador desta cita cinexética. Preto dun millar de exemplares chegados de todos os puntos de Galicia , así como do noroeste do territorio nacional, congregáronse este domingo na localidade ordense. En total foron máis de 170 xaulas as que se instalaron no campo da feira da localidade. 

     Entre os premios máis destacados hai que falar da mellor reala chegada dende Xinzo de Limia da man de Jonathan García. O premio para o mellor grifón vendeano foi para o leonés Carlos Valiñas, mentres que Óscar levou o trofeo á mellor camada de caza maior ata Abegondo. Os beagles de Abeleira foron seleccionados como a mellor camada de caza menor, mentres que o braco alemán do vigués Jonathan Cano alzouse co premio ao mellor exemplar desta raza.

     Previamente, na xornada do sábado, tivo lugar o V Campionato de Caza con Perros de Rastro Memorial Jorge Rivas, na que participaron preto de 80 persoas. O pontevedrés Antonio Sánchez, co seu can Chico, alzouse co primeiro premio tras conseguir 251 puntos. Cristóbal Cacheda e Miguel Ángel Rey acadaron a segunda e terceira posición grazas aos seus 246 e 240 puntos respectivamente. Por outra banda Miguel Prieto, co seu can Yo, foi o mellor posicionado na categoría de montañeros locais con 152 puntos. Seguidamente con 148 e 136 puntos seguíronlle Xavi Botana, con Blanca, e César Tojo, con Rumbo.

     Como é costume os postos con artesanía, comida e material de caza abundaron no Mesón do Vento. Tampouco faltaron os xantares e degustacións de caza nos bares e restaurantes do lugar.

Sobresaínte XXXII Feira de Cans de Caza no Mesón