XVIII Festival DesOrdes Creativas
Lidia Cao, Anna Taratiel, Iván Floro, Juan Rivas, Marta Lapeña e Kitsune conforman o cartel desta edición do festival de arte urbana. O día 9 terá lugar a feira de arte e obra gráfica e o DesOrdes Sonoras
O colectivo Creativo Mutante acaba de publicar o cartel da 18 edición do festival urbano DesOrdes Creativas. Lidia Cao, Anna Taratiel, Iván Floro, Juan Rivas e Marta Lapeña van ser os encargados de poñerlle cor ao verán ordense. É costume nesta cita incluír unha referencia internacional, que este ano virá por parte do belga Kitsune.
Así, dende o 1 ao 10 de agosto a vila estará marcada polas creacións destes referentes no eido do muralismo urbano. Cada un deles deixará a súa pegada en fachadas e muros contribuíndo así a que Ordes siga a ser un parada obrigatoria para todas as persoas afeccionadas á arte urbana. Non faltará a masterclass, que nesta ocasión vai ser impartida por Yoseba MP. Tampouco as rutas polos principais murais espallados por Ordes nin a feira de arte e obra gráfica, fixada para o día 9.
O mesmo día o parque da Constitución servirá de escenario para unha nova entrega do DesOrdes Sonoras. Nesta ocasión os grupos e formacións que subirán ao escenario ata ben entrada a madrugada serán: High Paw, Terrae, Dj Mil, Embruxo Gaiteiros e Møu Dj Session.
Como cada ano a organización conta co apoio do Concello de Ordes e da Deputación da Coruña. Tamén coa colaboración de pinturas Proa e de LoxamHune, alugamento de maquinaria.
