O pleno deste mes aprobou por unanimidade a modificación do regulamento de honras e distincións para incluír a nova figura.

Por unanimidade o pleno de Ordes aprobou a modificación provisional do regulamento de honras e distincións do Concello. Todo co fin de incluír no texto a figura de cronista oficial, a cal terá carácter vitalicio honorífico e non poderá recaer en máis de dúas persoas simultaneamente. Un nomeamento que deberá contar coa aprobación da maioría simple do número legal de membros da corporación.

 Ata o momento o Concello de Ordes non tiña establecida nin regulada a figura do cronista oficial, polo que se inclúe textualmente (artigo 1, punto 2) que “co fin de recoñecer aquelas persoas físicas que se teñan distinguido na súa actividade profesional, en calquera tipo de estudos, investigacións, publicacións ou traballos en temas relacionados co Concello de Ordes este poderá outorgarlles o título de Cronista Oficial do Concello de Ordes”. 

As funcións asignadas comprenden investigar e divulgar o pasado da localidade; recompilar datos, documentos e especialmente feitos relevantes que poidan ser decisivos para a xusta interpretación da realidade actual; a conservación de costumes específicos, singulares e autóctonos; recompilar documentos orixinais ou copias autorizadas nos que se fundamenten investigacións; emitir opinión e evacuar as consultas sobre temas relacionados coa historia a petición da Alcaldía; redactar unha crónica de Ordes cos principais acontecementos sociais, culturais, políticos e de todo tipo relacionados co municipio;
         
Facilítase deste xeito a designación dunha persoa encargada de narrar e describir os feitos de tipo cultural, social e político do pasado e do presente do municipio, incidindo así no fomento e na difusión da riqueza da historia, costumes, tradicións, cultura e patrimonio local. 
    
Unha vez se remate a tramitación da modificación e se leve a cabo o expediente, darase formal cumprimento ao nomeamento como cronista do Concello de Ordes a don Francisco Sandoval Verea -licenciado en xeografía e historia pola USC-.

Rogos e preguntas

No que respecta ao resto da sesión plenaria celebrada onte, a falta de mocións fixo que a cita continuara inmediatamente cos rogos e preguntas. Por parte do BNG interesáronse pola limpeza de gabias en varios puntos do Concello, a concesión de licenzas de vao, os programas de servizos sociais mancomunados co Concello de Frades, a instalación de varandas na zona do Valado, ou o amaño de pistas en puntos do rural, entre outros. 

No que atinxe ao PsdeG-PSOE de Ordes o seu interese pasou por cuestións como os datos en materia de gasto social publicados no Informe de Fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais de Galicia do exercicio 2023, fallos no sistema de alumeado público, a limpeza de sendas peonís e marquesiñas, ou mesmamente a oficina de turismo situada no edificio consistorial.  

Informes de alcaldía

No apartado de informes de alcaldía da sesión ordinaria do mes de xuño, o alcalde dou conta que a mesma mañá da celebración do pleno formalizouse ante o Notario de Ordes a escritura para a adquisición dos terreos do campo de fútbol do Mesón do Vento, así como dos vestiarios que se atopan enclavados en dito terreo, por un importe total de 35.714,12 euros. No acto estivo acompañado polo derradeiro presidente da entidade deportiva antes da súa disolución, José Manuel Candal García.