O Concello de Ordes executará unha senda peonil no acceso ao polígono industrial de Merelle
O importe total da actuación ascende a máis de 200.000 euros. O novo trazado situado dende a rotonda de acceso ao parque ata o lugar do Conde terá unha lonxitude de 855 m
Aberta a licitación para a construción dunha senda peonil que mellorará o acceso ao polígono industrial de Merelle na súa parte norte. Esta actuación concretamente transcorrerá ao longo da marxe dereita da N-550, entre os puntos quilométricos 33+595 e 34+450.
A lonxitude deste novo itinerario é de 855 metros e cunha anchura de 1,8 m. Para a súa construción empregarase formigón coloreado sobre grixo delimitado por bordos. Tamén se canalizarán as augas pluviais mediante tubaxes e cos correspondentes pozos de rexistro, sumidoiros e unha rigola de formigón. Para maior seguridade instalarase un paso de peóns dotado con dous sinais luminosos mediante sistema LED. O proxecto inclúe a canalización do alumeado público con tubaxes e arquetas. Para poder levar todo isto a cabo, ademais de despexes e movementos de terra, previamente construiranse 40 metros de muro de bloques de pedra granítica dotado dunha varanda metálica.
O presuposto base da licitación, IVE incluído, ascende a un total de 207.827,99 euros. (171.758,67 IVE non incluído). Foi precisamente no DOG núm. 115, publicado o pasado 18 de xuño, onde se publicou a resolución por parte da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, (Consellería de Economía e Industria) da concesión de 120.000 € ao Concello de Ordes para a execución deste proxecto. Axuda ao abeiro da Orde do 7 de xaneiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas de parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. O orzamento da Xunta superou os 3 millóns de euros.
