Simposio Internacional de Superidade, mañá en Ordes
Terá lugar na Casa da Cultura e nel abordarase a capacidade de superación das persoas. Terá como protagonista ao doutor honoris causa e embaixador de boa vontade da ONU Eros Recio.
O Concello de Ordes convida a toda a veciñanza e persoas interesadas a asistir mañá ao Simposio Internacional de Superidade que vai ter lugar na Casa da Cultura en horaio de mañá e tarde.
A cita xirará arredor da idea central da capacidade que teñen as persoas para superarse a si mesmas. Para isto contarase cun dos máximos expoñentes, Eros Recio. Trátase do primeiro bailarín profesional con síndrome de Down e promotor da danza inclusiva acompañada de actuación. Un recoñecemento que lle foi outorgado no seu día polo Instituto Nacional de Belas Artes de México. Ademais do título Honoris Causa por parte da Universidade de La Puebla, tamén ostenta o de embaixador de boa vontade da ONU. Outros dos logros acadados por Eros Recio atópanse na súa faceta de escritor ou como deseñador da bandeira da discapacidade e da superación.
O programa do simposio arrancará cunha recepción ás 10 horas. A partir de entón, e ao longo de toda a mañá, sucederanse o discurso inaugural coa presenza da concelleira de Política Social Susana García; e a conferencia sobre superidade e a presentación do libro Superidad: Memorias de Eros Recio. A partir das 16.30 horas retomarase a actividade cunha mesa de debate político e social e un espectáculo de danza protagonizado polo mesmo Eros Recio (19.30 horas).