En conxunto investiranse máis de 354.000 € para mellorar o firme dunha parte do vial principal de Vilamaior, recuperar e naturalizar o Rego da Fraga e mudar o uso do local social do Mesón do Vento a vivenda social 
 
O Concello de Ordes vén de sacar a licitación tres proxectos situados tanto no casco urbano da vila como noutros puntos do rural. 

O primeiro deles atende á mellora do firme do desvío ao Castro ata o límite co municipio de Mesía (parroquia de Vilamaior). O presuposto base de licitación neste caso é de 104.097,51 euros (IVE incluído). O tramo concreto presenta unhas dimensións de 1.070 x 6,75 m. Nel levaranse a cabo traballos de limpeza nas gabias de ambas as marxes e de mellora na capa de rodaxe mediante aglomerado. Previamente arranxaranse as fochancas e perfilaranse as mordentes con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo. Por último realizarase o recrecido de 15 pozos de rexistro, a sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo e eixo e a colocación dun sinal de Stop.  

Esta actuación englóbase no Plan Camiña Rural 2025-2026. A súa finalidade é a de conservar e mellorar as infraestruturas rurais, especialmente os camiños, para facilitar así a accesibilidade e vertebración do territorio. Tamén para aumentar a competitividade agraria e forestal destas zonas.

        Cun orzamento de 73.511,80 euros (IVE incluído) levarase a cabo a mellora e naturalización da área coñecida como Rego da Fraga ou Rego Mercurín, a cal atravesa de norte a sur o núcleo urbano de Ordes. Dotado cun sendeiro e zonas verdes, o dito paseo nas traseiras dos edificios da rúa Víctor González Faya, presenta un deficiente estado de conservación, cun pavimento inadecuado e discordante dado o ámbito natural no que se sitúa.

         Co fin de recuperar a infraestrutura verde existente colocarase un pavimento terrazo estabilizado nun ancho de 2,50 m. Antes vaise nivelar e posteriormente delimitarase cun bordo de formigón o seu exterior. Substituiranse por especies vexetais autóctonas aquelas que non sexan orixinais da zona, polo que tamén se recuperarán zonas verdes mediante a extensión de terra vexetal con sementeiro. Por último, instalarase unha pérgola de madeira na traseira da residencia de maiores, e cinco bancos de pedra granítica.

         Por último, cun proxecto financiado polo ITJ, mudarase o uso do local social do Mesón do Vento por outro de vivenda social. Arguméntase esta medida en base a necesidade de vivendas para casos de exclusión social ou baixos recursos. O orzamento é de 176.783,26 euros (IVE incluído).

         A edificación, con 70 anos de antigüidade e situada nunha  parcela de 80 m², conta con planta baixa e primeiro andar. A superficie construída en cada unha delas é de 78,13 m² (total 156,26 m²).  O proxecto inclúe o levantamento de azulexados e pavimentos, ademais da demolición das tabiquerías e carpinterías interiores e exteriores. Tamén se retirarán as instalacións interiores e as pezas sanitarias e luminarias. As fachadas terán illamento térmico exterior e o interior terá pavimento laminado colocado sobre outro flotante con illamento de poliestireno. Tamén se executarán as instalacións de baixa tensión, telecomunicacións, abastecemento de auga e saneamento de fecais. Para climatizar o espazo colocarase unha hidroestufa de pellets. A vivenda será entregada coas pezas de baño e mobiliario de cociña completos. 

         A dita actuación encaixa dentro da Orde TED/1476/2021 de 27 de decembro, que abrangue proxectos de rehabilitación de edificios ou outro tipo de infraestruturas para novos usos de carácter social, prestación de servizos públicos ou a mellora do acceso a vivendas accesibles e sociais. Unha medida que inclúe a aqueles municipios de zonas afectadas pola transición enerxética, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 
 

O Concello de Ordes abre o prazo de licitación de tres novos proxectos