Máis dun milleiro de persoas vibraron grazas ao Ordes Music Fest
As espectativas víronse cumpridas ante a primeira edición do Ordes Music Fest. O evento que esta fin de semana se celebrou no Campo da Feira da vila ordense superou o millar de asistentes segundo indicacións da Policía Local de Ordes. Durante algo máis de 6 horas todas as persoas que asistiron a esta cita tiveron ocasión de moverse cos ritmos postos nos pratos por DJ Goro, Kike Varela, Sote, Víctor Rivas, Toni Seijas, Rafa Stray, Adri Torres e Adrián Gold.
Previamente, en concreto dende as 18 ata as 21.30 horas, a rapazada tivo o seu momento co Ordes Music Júnior, grazas ao cal puideron divertirse de balde con inchables e co touro mecánico. Durante toda a fin de semana, xa dende o venres, tamén houbo coches eléctricos. Por outra banda, AECOR aproveitou a montaxe desta cita para realizar o sorteo da campaña do seu bingo musical. Repartíronse cinco premios valorados en 120 euros, máis outro de 1.000.
Organizado polo Concello de Ordes, na posta en marcha destes festivais contou coa colaboración da Xunta de Galicia, Abanca, Carné Xove, AECOR ou a Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes.