O seu autor, Antonio José Francisco Rey, estará acompañado por Manuel Vázquez, gañador do VI Premio Eduardo Pondal. O libro conta con prólogo de Suso de Toro
 
O venres 27 de xuño ás 19 horas vai ter lugar no Museo do Traxe Juanjo Liñares a presentación do poemario Son Galego, de Antonio José Francisco Rey. Un acto que contará coa presenza do escritor Manuel Vázquez, gañador do VI Premio Eduardo Pondal.

A obra pode considerarse unha declaración de amor a Galicia, vida da man das lembranzas do avó do autor emigrado á Arxentina en 1927. Nel aparecen reflectidas cuestións sutís do cotián, a cidade de Bos Aires ou as estacións do ano. Todo isto baixo un prisma de beleza poética aplicada a cousas que non sempre son doadas de contemplar. En palabras de Francisco Rey “trátase dun libro de dúas beiras, que ten un ida e volta entre o mundo da aldea e o contorno bonaerense”.

Son Galego conta con dúas edicións. A primeira delas xurdiu despois da viaxe do autor a Galicia no ano 2000. Daquela sentiu o libro como unha canle para baleirar as emocións provocadas tras o primeiro contacto persoal coa familia da aldea unha vez finado o seu avó. Nesta segunda edición incorporáronse novos textos e incluíronse fotografías.

O libro está publicado pola editorial Medulia e conta con prólogo de Suso de Toro.  

Presentación do poemario Son Galego, o 27 de xuño no Museo do Traxe Juanjo Liñares