Aberta a inscrición para a IV Media Maratón e 10 km Camiño Inglés-Rede Stelar
Poderá tramitarse ata o 2 de xullo en www.carreirasgalegas.com. Haberá outras dúas probas de 3 e 1,5 km para a rapazada de 10 a 17 anos. A competición desputarase o 5 de xullo
Xa está aberta a inscrición para poder competir na IV Media Maratón e 10 Km Camiño Inglés-Rede Stelar, a cal terá lugar o vindeiro 5 de xullo. O trámite poderá levarse a cabo ata o 2 de xullo na páxina www.carreirasgalegas.com.
No caso da media maratón, con 21 km de percorrido, a saída será ás 10 horas dende a igrexa de Ardemil, situada no concello de Ordes. No caso da proba dos 10 quilómetros comezará ás 10.20 horas dende a área de lecer Os Carabelos, situada na ponte Pereira (Ordes). A meta de ambas as carreiras situarase na piscina municipal de Sigüeiro, situada no Nº 7 da rúa Camiño Inglés. As taxas para poder participar ascenden a 15 e 10 euros respectivamente.
A maiores tamén se marcarán outros dous circuítos. Un de 3 km para rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e que dará comezo ás 12.30 horas. Outro de 1,5 km posto para as 12.45 horas para nenos e nenas de 10 a 13 anos. En ambos os casos a liña de saída estará na Piscina Municipal de Sigüeiro e o prezo é de 2 euros.
Tamén haberá un servizo de autobuses cunha frecuencia de 15 minutos a partir das 8.15 horas para o traslado dos/as atletas ata as liñas de saída en Ordes. Para a media maratón o derradeiro bus partirá ás 9 horas e para a proba de 10 km ás 9.15 horas. O punto de saída estará na piscina municipal de Sigüeiro.
Estas probas están organizadas pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Stelar, Excelencia no Camiño Inglés. As entidades, clubs e firmas colaboradoras son: Sociedade Deportiva Compostela Tambre-Lengüelle, Federación Galega de Atletismo, Concellos de Ordes e Oroso e Deputación da Coruña, Club Atletismo Tambre e Club Deportivo Móvete no Camiño. Patrocinan Eroski Center, Rios Sangiao, Siaba, Grupo Rafra, Madeiras Irmáns Castro S.L., Autos Grabanxa, Viraxes, Toldos Gómez, Mirás Café Bar, Escuela ESPS, Instalaciones Sánchez e Lamas Bike, entre outros.
