Vaise celebrar este sábado no Campo da Feira con máis de media ducia de disc-jóckeys e seis horas ininterrompidas de música e celebración. A rapazada tamén terá o seu propio festival pola tarde
 
A xuventude de Ordes agarda con ansia a chegada da fin de semana. E máis concretamente a deste sábado, día no que o Campo da Feira acollerá o Ordes Music Fest.

     Aproximadamente durante 6 horas máis de media ducia de disc-jóckeys darán o mellor de si a partir das 22 horas. O acceso é gratuíto para quen queira asistir a desfrutar dun amplo abano de estilos musicais que van dende a electrónica ao indie, pop, rock, urbano, remember ou música española. Para esta primeira edición do Ordes Music Fest o cartel artístico está deseñado cos seguintes nomes: DJ Goro, Kike Varela, Sote, Víctor Rivas, Toni Seijas, Rafa Stray, Adri Torres e Adrián Gold. 

     Organizado polo Concello de Ordes, o festival conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Abanca, Carné Xove e AECOR.

     A rapazada máis nova tamén está presente para a organización deste evento, polo que de 18 a 21.30 horas tamén terán o seu momento no Campo da Feira co Ordes Music Fest Júnior. Ademais de música e animacións poderán gozar de balde cos inchables e o touro mecánico. Durante toda a fin de semana, xa dende o venres, tamén haberá coches eléctricos. Conxuntamente co Concello de Ordes nesta iniciativa tamén colabora a Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes.

Bingo musical
Por outra banda, AECOR aproveitará tamén a montaxe desta cita para levar a cabo o sorteo do seu bingo musical ás 20 horas. Porase así punto e final á campaña que leva realizando ao longo de toda esta semana e pola cal as persoas participantes optan a un bono de 1.000 euros para trocar nos establecementos adheridos. Os/as cinco primeiros que consigan cantar liña obterán un premio valorado nuns 120 euros, consistente en produtos e artigos entregados polas tendas e locais participantes.  

A xuventude quenta motores para o Ordes Music Fest e o Ordes Music Fest Júnior