Abre o prazo de solicitudes para o San Xoán
As cacharelas, tanto as que se sitúen en terreos privados como públicos, terán ata o 18 de xuño para ser rexistradas no Concello
O San Xoán xa está cada vez máis preto, polo que no Concello de Ordes xa se poden tramitar as autorizacións para as cacharelas da noite máis longa do ano. Concretamente o prazo permanecerá aberto ata as 14 horas do 18 de xuño.
Na mesma solicitude haberá que concretar se é necesario que o ente municipal asigne un espazo público ou ben se xa se dispón dun privado. Neste último caso tamén é imprescindible contar coa pertinente autorización por parte da persoa propietaria do terreo, xa que de non ser así o Concello eximirase de calquera responsabilidade. Polo demais, locais sociais, prazas, parques e xardíns públicos deberán contar previamente coa autorización municipal. No cadro de normas advírtese que por protección tanto nas vías públicas pavimentadas como nas beirarrúas é necesario colocar unha chapa metálica e unha capa de area 10 cm como mínimo. Dende o mesmo Concello encargaranse da súa instalación e posterior recollida se así se solicita. De producirse algún dano os responsables das cacharelas cubrirán os custos de arranxo ou reconstrución.
En prol da seguridade tamén se establece que o volume combustible da cacharela non excederá dos 8 metros de perímetro nin dos 3 metros de altura, establecéndose unha separación cos edificios e zonas arbóreas de polo menos 8 metros. Non poderán situarse baixo o tendido eléctrico nin telefónico e queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, líquidos inflamables, gases a presión ou elementos que desprendan fume tóxico.
Tamén por seguridade ao remate da celebración haberá que asegurarse que as cinsas quedan totalmente apagadas. Nun prazo máximo de 24 horas haberá que limpar a zona e deixala libre de todo tipo de lixo e restos.
