O vindeiro luns comezarán a tramitarse os carnés tanto presencial como electronicamente. A piscina Iván Raña Fuentes acollerá no mes de  xullo os cursos intensivos de natación para menores e xente adulta

A tempada de verán da piscina do Muíño está a piques de dar comezo. Concretamente irá do 20 de xuño ao 31 de agosto e quen queira dispoñer do carné de abonado/a xa o pode solicitar. Poderá tramitalo a partir do 9 de xuño tanto presencialmente no departamento de Deportes, en horario de mañá, como electronicamente na páxina www.concelloordes.com/piscinadeveran. 

     De optar polo carné para toda a tempada o prezo é de 12 € para os menores e de 20 € para persoas adultas. De preferir collelo por meses o de xuño ten un custo de 2,10 € e 4,25 €; mentres que para xullo e agosto ascende a 6 € e 12 € para menores e adultos/as respectivamente. Por outra banda, para días soltos o prezo da entrada individual será de 1 € e 1,5 € dependendo da maioría de idade.

     Un ano máis tamén se convocan os cursos de natación para os meses de xullo e agosto que de luns a venres se impartirán en horario matutino na mesma piscina do Muíño. Estes van dirixidos á rapazada de 3 a 16 anos e teñen un custo de 20 euros mensuais.  

     Todos estes prezos terán un desconto do 50% para as familias  numerosas. A taxa do curso de natación dará dereito ao acceso durante todo o día ás instalacións durante o mes de vixencia. Cómpre lembrar a maiores que para acceder ao recinto ademais do carné haberá que presentar tamén o DNI.

Clases intensivas na Piscina Iván Raña Fuentes.

O Concello de Ordes vén de convocar tamén os cursos de natación intensivos dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas.

     Terán lugar ao longo do mes de xullo, de luns a venres, na piscina climatizada Iván Raña Fuentes, cunha duración de 45 minutos por sesión. O horario para os/as menores irá dende as 10.15 ata as 13.15 horas e xa pola tarde de 18 a 20.15 horas. Neste caso impartiranse os niveis  0, I e II, avanzado e perfeccionamento. Para a xente adulta, e tendo en conta os horarios laborais máis habituais, as clases de nivel I empezarán ás 20.15 horas e as de nivel II ás 21 horas. 

     Para apuntarse a veciñanza empadroada no municipio terá do 15 ao 18 de xuño, mentres que para o resto será do 20 ao 24 de xuño sempre e cando haxa prazas libres. Tanto as inscricións como o aboamento da taxa deberá facerse presencialmente nas mesmas instalacións da piscina. O custo no caso de estar abonados/as é de 27,85 € para os nenos/as e de 34,05 € para os adultos/as. Se non se dispón de abono o prezo ascende a 36,52 € no caso da rapazada e de 54,14 € para os/as máis maiores.

A tempada de verán da piscina do Muíño irá  do 20 de xuño ao 31 de agosto