Ao longo deste domingo desenvolvéronse un total de tres obradoiros. O artesán local Manuel Vázquez impartiu o de reparación e mantemento de instrumentos

As Xornadas de Percusión Tradicional gozaron dunha plena acollida, cubríndose todas as prazas ofertadas. Este domingo a vila de Ordes encheuse de bombos, pandeiretas e outros instrumentos de percusión característicos do folclore galego. Os seus donos e donas tiveron a ocasión de aprender da man de auténticos entendidos e expertos na materia. 

    O programa incluíu tres obradoiros. O primeiro deles abordou a reparación e o mantemento dos instrumentos, sendo o artesán local Manuel Vázquez Pena (Manels Percusión) o responsable de impartila no seu propio taller. Cómpre destacar tamén a súa ampla experiencia como técnico superior en produción de madeira e moble. Outro dos temas nos que se traballou tanto pola mañá como pola tarde foi  o do bombo con pratos, contando para isto co músico Roi Adrio. Por último tamén se atenderon aos chamados toques de folión propios, da montaña ourensá na época do Entroido. Un estilo levado a cabo con bombos de grandes dimensións nesta ocasión vidos da man de Álvaro Rúa.

     As Xornadas de Percusión Tradicional correron a cargo da Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega, Deputación da Coruña, Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes e o Concello de Ordes. 

Cubertas todas as prazas nas Xornadas de Percusión Tradicional que tiveron lugar en Ordes